Novas de Cooperación Galega
28/08/2018
Xeral

A Xunta colabora co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para a execución do proxecto 'A fondo cos ODS'

  • O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha entidade que agrupa a 95 concellos e ás Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra
  • Ten como obxectivo impulsar un maior compromiso de cooperación para o desenvolvemento das Entidades Locais

 

A Xunta colabora co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para a execución do proxecto “A Fondo cos ODS - Obxectivos de Desenvolvemento Sostible” cun orzamento de 40.000 euros, como instrumento vertebrador da cooperación municipal, e que nesta convocatoria introduce como novidade o establecemento de accións que involucren ás Administracións locais galegas na consecución da Axenda 2030 e dos ODS.

O proxecto ten como obxectivo o xerar, de maneira sinérxica e coordinada, unhas políticas públicas favorables á cooperación para o desenvolvemento e a consecución dos ODS, promovendo o coñecemento e a implicación da administración local galega e da cidadanía en xeral no cumprimento dos ODS.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha entidade plural que agrupa a noventa e cinco concellos e ás Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra comprometidos coa idea de cooperar en Galicia para ser máis eficaces na cooperación cos terceiros países, e que persegue impulsar un maior compromiso de cooperación para o desenvolvemento das Entidades Locais, nun marco máis estable e permanente.

 

Antecedentes

Dende o ano 2000 a Xunta vén colaborando co Fondo Galego no ámbito da sensibilización e educación para o desenvolvemento, a través das sinaturas dos correspondentes convenios. Dende o ano 2004 o importe total das axudas concedidas supera os 681.000 euros.

O IV Plan director da cooperación galega 2018-2021 recoñece o papel do Fondo Galego para potenciar a cooperación local e para mellorar a súa coordinación e capacidade, ademais de establecer como un dos seus produtos a sinatura dun convenio anual.

O Fondo está recoñecido pola FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) como a Axencia Municipal Galega para a Cooperación. O seu papel primordial é, asemade, recoñecido pola Xunta de Galicia, que renova o seu compromiso en apoio á consolidación de Fondo Galego como instrumento vertebrador da cooperación municipal.