Novas de Cooperación Galega
22/03/2021
Xeral

A Xunta colabora con ACNUR para reducir a situación de vulnerabilidade da poboación refuxiada venezolana en Colombia agravada pola pandemia

  • O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou o pasado 18 de marzo coa organización o convenio para poñer en marcha esta actuación que permitirá atender a 32 familias para garantir o seu acceso aos servizos de emerxencia e cubrir as súas necesidades básicas.
  • O Goberno galego colabora coa ONGD en proxectos de axuda humanitaria en apoio ás persoas refuxiadas.
  • A iniciativa enmárcase no Plan Anual 2021 da Cooperación Galega, que inclúe unha estratexia de resposta á Covid-19 coa que adaptar os investimentos á atención aos colectivos máis afectados pola crise sanitaria.

 

A Xunta vén de renovar a colaboración con ACNUR (Comité Español do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados) para garantir a protección e a asistencia á poboación refuxiada venezolana en Colombia no contexto da Covid-19.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora de Proxectos e Relacións Institucionais da asociación España con ACNUR, Belén Camba, asinaron o pasado 18 de marzo o acordo dotado con 30.000 euros, destinado a mellorar a situación das persoas refuxiadas venezolanas en Colombia e reducir a súa vulnerabilidade que se viu agravada polas consecuencias derivadas da pandemia da Covid-19. Ao acto tamén asistiu o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo.

A través desta colaboración garantirase o acceso aos servizos de emerxencia por parte de 32 familias venezolanas das cidades de Bogotá, Medellín e Cúcuta a través dunha contía mensual en efectivo coa que dar resposta ás súas necesidades básicas. O convenio enmárcase no marco estable de colaboración que o Goberno galego e ACNUR veñen mantendo nos últimos anos en proxectos de axuda humanitaria en apoio ás persoas refuxiadas. Así, desde 2008 ata este ano, a Xunta ten investido un total de 594.000 euros.

Trátase dunha iniciativa destinada a accións de carácter humanitario que se integra no desenvolvemento do IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021, que precisamente identifica a acción humanitaria e a promoción do exercicio dos dereitos sociais básicos como prioridades dentro da cooperación ao desenvolvemento.

 

Plan Anual de Cooperación Galega

O convenio con ACNUR enmárcase no Plan Anual 2021 para a Cooperación Galega, que conta cunha dotación de 7,4 millóns de euros para este ano, 801.400 euros máis que en 2020. Con este aumento do 12% no orzamento, a Xunta dá cumprimento ao compromiso cos axentes da cooperación ao desenvolvemento de garantir un incremento anual do investimento igual ou superior ao 11,4%, adquirido no marco do IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021, que remata a súa vixencia neste exercicio e no que se engloba este programa.

Este acordo con ACNUR inclúese na liña financeira do Plan Anual para axuda humanitaria ou de emerxencia co obxectivo de dar resposta por parte da Xunta cando se produza un chamamento internacional por mor dunha catástrofe ou crise humanitaria e tendo en conta o actual contexto da pandemia da Covid-19. O Plan contempla outros acordos con organizacións como a Axencia da ONU para os refuxiados palestinos (UNRWA), a Axencia de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e a Cooperación Descentralizada, Farmamundi, a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), entre outras. No ámbito da educación para o desenvolvemento, a sensibilización, a formación e o fortalecemento institucional, asinaranse convenios de colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, e as tres universidades galegas.

Ademais, renovaranse as convocatorias de axudas que xestiona a Cooperación Galega como as de proxectos no exterior con ONGD e outros axentes de cooperación; a de acción humanitaria; a de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global; a de proxectos de investigación no marco da Axenda 2030; as bolsas de formación de expertos de cooperación internacional para o desenvolvemento; así como a colaboración anual con outros departamentos da Xunta para apoiar ao sector ou as liñas de transferencia tecnolóxica para a mellora do sector acuícola e pesqueiro ou para a xestión de recursos hídricos, da man da Fundación CETMAR e de Augas de Galicia de xeito particular.

Alfonso Rueda destacou o compromiso da Xunta coa cooperación ao desenvolvemento para axudar aos colectivos máis vulnerables e tamén os máis afectados polo impacto da pandemia. Por iso, o Plan deste ano desenvolverase tomando como base a Estratexia de resposta á Covid-19 da Cooperación Galega, que foi elaborada en colaboración cos axentes galegos de cooperación, co fin de adaptarse ao novo contexto da pandemia, de tal forma que os recursos e instrumentos da Cooperación Galega se orientasen á loita contra o coronavirus e a dar resposta ás persoas e colectivos máis vulnerables.