A Xunta colabora con Farmamundi para atender de xeito integral as necesidades básicas da poboación burundesa refuxiada en Bukavu, Kivu Sur da República Democrática do Congo (RDC).
A Vicepresidencia da Xunta, en colaboración coa ONGD Farmamundi, participa nunha intervención de emerxencia para atender a 2.112 desprazados (1.267 mulleres e nenas e 845 homes e nenos) a causa da inestabilidade política en Burundi.
O anuncio o 26 de abril de 2015 da candidatura do presidente Pierre Nkurunziza ás próximas eleccións presidenciais en Burundi, desencadeou unha resposta violenta dunha gran parte da poboación, que consideran inconstitucional un terceiro mandato do xefe de Estado.
O mércores 13/05/2015, a crise agravouse co intento de golpe de estado por parte do xeneral Godefroid Niyombare, aumentando consecuentemente a violencia e a inseguridade en todo o país.
Este contexto de crise política e inseguridade fai temer un reponte a gran escala da violencia no país, marcado por unha recente de masacres interétnicas e unha guerra civil longa e recente (1993 - 2006), co que é de esperar que aumente o número de burundeses que fuxan do país.
Polo momento segundo datos de UNHCR / ACNUR do venres 15/05/2015 mais de 105.000 persoas terían abandonado Burundi cara os países veciños, concretamente na zona de intervención son 9.392 as persoas demandantes de asilo, na súa maioría mulleres e nenos/as, o que empeora ademais a situación xa precaria da poboación congolesa de acollida.
Ante o panorama descrito, ACNUR / UNHCR, OCHA; OMS, PMA e outras entidades clave na zona solicitan que os axentes humanitarios que actúan na rexión se preparen para unha crise de refuxiados a gran escala, no documento final denominado Burundi Regional Refugee Response Plan.
Aliñada con estes principios de traballo, Farmamundi, en colaboración co Centro Heri Kwetu, propón accións baseadas en tres das liñas específicas do chamamento de ACNUR/UNHCR na RDC:
- Facilitar o acceso a medicamentos e servizos de saúde primaria, a través da provisión de medicamentos de atención primaria.
- Mellorar as condicións de vida durante o desprazamento temporal, a través da posta a disposición de materiais de primeira necesidade.
- Apoiar o acceso á educación primaria de menores en situación de desprazamento, mediante a dotación de material escolar.