Novas de Cooperación Galega
07/03/2007
Xeral

A XUNTA COLABORA EN LIMA (PERÚ) PARA QUE 20.000 MULLERES ALIMENTEN DIARIAMENTE AS SÚAS FAMILIAS A TRAVÉS DUN PROGRAMA DE COMEDORES POPULARES

A Xunta está a colaborar en Lima (Perú) nun proxecto de cooperación para o desenvolvemento no que participan 20.000 mulleres, que a través de asociacións xestionan unha rede de comedores populares no que diariamente se alimentan máis de 160.000 persoas. Este proxecto conta cunha subvención por parte do goberno galego a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior de 133.000 euros.

Estes comedores populares son xestionados pola Federación de Mulleres Organizadas en Centrais de Comedores Populares Autoxestionarios de Lima e Callao (FEMOCCPAALC), que está conformado por mulleres de sectores populares da Lima Metropolitana, que fronte as sucesivas crises económicas, desde 1978 asumiron a atención do dereito á alimentación da poboación empobrecida a través destes comedores. Na actualidade esta rede está presente en 14 distritos de Lima contando con 1.397 comedores cunha produción diaria estimada de 165.000 racións.

Facilitar o acceso aos alimentos

Dende a súa creación estes comedores teñen contribuído ao coidado da saúde da poboación con menos recursos, ao asegurar unha inxesta diaria mínima  de calorías e proteínas. Estes comedores teñen unha política de prezos que permiten que por 50 centavos de dólar aqueles que o necesiten poidan acceder a unha ración de comida que no caso de non poder pagar se facilita gratuitamente.  O traballo destes comedores é realizado polas mulleres socias da FEMOCCPAALC encargadas de todo o proceso, dende a habilitación dos locais que albergan os comedores, ata a preparación dos menús.

Tras duras loitas polo seu recoñecemento e a defensa da súa autonomía , os comedores populares reciben por parte do estado peruano un subsidio para a compra de alimentos que actualmente  bordea un 13% do custe total da ración.                                 

Defensa dos dereitos das mulleres

Dende a súa creación na década dos 70, a FEMOCCPALM centrouse en que o asociacionismo creado para xestionar os comedores populares, servira para que  as mulleres se implicaran na defensa dos seus dereitos, tanto políticos como sociais e culturais. O funcionamento destas redes ten propiciado logros legais como unha lei promulgada en 2002, que establece a participación de representantes dos comedores populares na xestión e fiscalización dos programas estatais de apoio alimentario.

No plano cultural, o funcionamento dos comedores está a propiciar un incremento da autoestima das mulleres, unha mellora da súa capacidade de comunicación e un aumento da súa seguridade persoal. O paso por esta organización favorece que as mulleres se afiancen no terreo familiar  á hora de expresar a súa opinión e na toma de decisións que afecten á saúde dos fillos e a súa alimentación.

561.000 € para mellorar a situación da muller

A Dirección Xeral de Cooperación Exterior está a destinar 561.000 euros, a proxectos de cooperación e sensibilización cos que se pretende mellorar a situación da muller en moitas comunidades do Sur e concienciar a poboación galega sobre a necesidade de acadar unha igualdade de dereitos real entre homes e mulleres.

En total estanse a levar a cabo 10 proxectos, 6 deles son proxectos de cooperación realizados en India, Guatemala, Guinea Bissau, Ecuador, Perú e os catro restantes responden a actividades de sensibilización en Galicia cos que se pretende dar a coñecer á poboación, a situación de continua  violación dos seus dereitos na que viven moitas mulleres.

Así na India estase a apoiar dous proxectos, un deles facilita microcréditos a mulleres en Tiruchy, a través da ONGD Implicad&#64s no Desenvolvemento, para que poidan crear pequenos negocios mentres en Calcuta, a traveso de Mundo Cooperante, estase a apoiar un proxecto no que se está logrando que gran número de nenas abandonen a prostitución, facilitándoselles aloxamento e formación.

En  Guatemala finánciase un proxecto para diminuír a incidencia das mortes violentas de mulleres a mans das súas parellas, a traveso de Solidariedade Internacional; en Guinea Bissau, con Paz e Desenvolvemento, o fortalecemento da actividade hortícola dun grupo de mulleres pertencente a zona das Tabancas, mentres que en Ecuador, con Terra de Homes, se apoia un proxecto de saúde materno- infantil co que se quere incidir na diminución da mortalidade infantil e das nais despois do parto.