Novas de Cooperación Galega
25/03/2019
Xeral

A Xunta colabora na resposta internacional de emerxencia á poboación afectada polo ciclón Idai en Mozambique

  • Por unha banda, activou o convenio de colaboración que ten asinado con Farmamundi para dar resposta a emerxencias humanitarias
  • Ademais, tamén se habilitou o Fondo de continxencia que está previsto no marco do convenio entre a AECID e dez comunidades autónomas para a coordinación da acción humanitaria

 

A Xunta de Galicia está a colaborar na resposta internacional de emerxencia que se está prestando á poboación afectada polo ciclón Idai en Mozambique.

A Administración autonómica está colaborando a través de dúas vías. Por unha banda, por medio do convenio de colaboración que ten asinado coa ONGD Farmamundi para dar resposta a emerxencias humanitarias e, por outra, a través do Fondo de continxencia previsto no marco do convenio de cooperación entre a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e dez comunidades autónomas para a coordinación e programación conxunta da acción humanitaria.

Así, coa activación do convenio con Farmamundi preténdese garantir a cobertura de necesidades básicas de 275 unidades de convivencia (unhas 1.100 persoas) de varios distritos da provincia de Manica. O operativo ten prevista unha duración de 3 meses, nos que se procederá ao reparto de kits de abrigo (mantas, lonas, tendas), kits de hixiene e kits de alimentación e cultivo.

Esta actuación súmase a outras que Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente, dende o ano 2009, no marco dos convenios de colaboración asinados para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano. A través destes acordos, faise especial énfase nos colectivos máis vulnerables mediante a provisión de bens e servizos esenciais para a supervivencia.

Por outra banda, a Xunta tamén está colaborando con Mozambique no marco do Convenio entre a cooperación descentralizada e a AECID que se asinou en outubro de 2018 para conseguir unha actuación conxunta e coordinada en materia de acción humanitaria. Forman parte desta iniciativa a propia AECID e dez comunidades autónomas.

Ante o caso de Mozambique, decidiuse por unanimidade activar o Fondo de continxencia previsto neste convenio, a través do que se destinarán 250.000 euros para cofinanciar as operacións de emerxencia que está levando a cabo na zona o Programa Mundial de Alimentos, que se atopa alí desde o primeiro día prestando asistencia ás poboacións afectadas polas inundacións, traballando co goberno e outros socios.

 

O ciclón Idai

O ciclón Idai está considerado o peor desastre meteorolóxico rexistrado ata estas datas no hemisferio sur, segundo a Organización Meteorolóxica Mundial. Tras tocar terra, produciu efectos devastadores que a Organización das Nacións Unidas (ONU) ten catalogado como “desastre masivo”. De feito, segundo datos da propia ONU, 1,7 millóns de persoas resultaron afectadas en Mozambique e unhas 920.000 en Malaui, á espera de coñecer os datos de Zimbabue. A prioridade actual é rescatar ás persoas atrapadas ou desaparecidas, e dotar de recursos básicos ás persoas para que poidan recuperar os medios de vida.

Ademais, Mozambique é considerado un país prioritario para a Cooperación Galega, polo que ante esta catástrofe, puxéronse en marcha desde o primeiro momento as coordinacións necesarias para poder colaborar na resposta internacional a esta situación.