Novas de Cooperación Galega
04/07/2007
Xeral

A XUNTA COLABORARÁ CON UNICEF NA LOITA CONTRA A VIOLENCIA E A EXPLOTACIÓN INFANTIL EN SENEGAL

O Consello da Xunta deu, na súa reunión desta mañá, o visto e  prace ao convenio de colaboración asinado entre a Dirección Xeral de Cooperación Exterior e Unicef para desenvolver un proxecto centrado na protección da infancia e na loita contra a violencia na rexión senegalesa de Casamance. En concreto, o Goberno galego destinará, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, 220.000 euros a este programa, que ten como obxectivo formar á poboación en Dereitos Humanos e Dereitos da Infancia, de cara a garantir a protección das persoas máis vulnerables e a mellorar as condicións de vida da poboación desta zona do sur de Senegal.

O proxecto céntrase na inversión no ser humano, incluíndo actividades de capacitación, formación, comunicación e sensibilización dirixidas a toda a poboación. Deste xeito preténdese facilitarlles as ferramentas necesarias para autoxestionar, dende as propias comunidades, a resolución pacífica dos conflitos existentes, xa que o sur de Senegal ten sufrido durante anos un conflito armado entre as autoridades e as milicias da zona que xerou milleiros de poboación desprazada e refuxiada. Así mesmo, a través da formación quérese comprometer ás autoridades locais coa protección dos Dereitos da Infancia, en concreto con todas aquelas nenas e nenos vítimas de explotación.

Protección dos Dereitos da InfanciaUn dos eixes fundamentais do proxecto é a promoción e protección dos Dereitos da Infancia a través da eliminación das peores formas de traballo infantil. Inténtase tamén fortalecer ás institucións nacionais e sociais para que melloren a capacidade para responder ás necesidades das nenas e nenos en perigo, incidindo en estratexias preventivas, tales como a alfabetización e a xeración de ingresos máis altos nas familias, e na aplicación de leis que sigan as normas da Convención sobre os Dereitos do Neno. Para acadar estes obxectivos fortaleceranse as capacidades de 600 mestras e mestres de 100 escolas da rexión, facilitándolles as ferramentas necesarias para poder protexer a infancia contra prácticas de explotación.

Ademais levaranse a cabo diversas campañas de sensibilización nos medios de comunicación senegaleses e prestarase apoio técnico a asociacións locais e grupos de traballo en rede para reintegrar ás nenas e nenos vítimas de explotación.

Solución pacífica dos conflitosO recente avance no proceso de paz que vive a rexión provocou o retorno da poboación desprazada aos seus lugares de orixe, proceso que se está a acelerar ante a mellora das condicións de seguridade da zona. Nun dos aspectos nos que incide este proxecto é no traballo de acompañamento da poboación desprazada e refuxiada retornada no seu proceso de reintegración, establecendo as bases para unha convivencia pacífica e unha resolución dos conflitos de xeito non violento.  Os esforzos de sensibilización sobre os perigos das minas, tanto a nivel escolar como comunitario, é outro dos puntos nos que se centra este programa.

Deste xeito, facilitaráselles formación a 600 líderes relixiosos tradicionais locais para mellorar a xestión dos conflitos relacionados coa propiedade da terra, o estrés causado pola situación de inseguridade que crea a presenza de minas antipersoa e armas lixeiras. Tamén se impartirá formación co fin de sensibilizar a estes líderes en Dereitos Humanos, apoiándose os Plans de Acción das Unidades de Reconciliación Comunitaria, que nos últimos anos tiveron influencia en máis de 20.000 persoas.