Novas de Cooperación Galega
10/12/2006
Xeral

A XUNTA COLABORARÁ CON UNICEF PARA MELLORAR A SITUACIÓN DA INFANCIA NO TERCEIRO MUNDO E SENSIBILIZAR Á POBOACIÓN GALEGA SOBRE ESTE TEMA

A Xunta de Galicia colaborará o vindeiro ano con UNICEF para contribuír á mellora da situación da infancia no Terceiro Mundo e sensibilizar á poboación galega respecto da situación na que se atopan milleiros de nenos en todo o mundo.

Con esta finalidade, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior achegará en 2007 un total de 100.000 euros para o proxecto que UNICEF está a desenvolver en Casamance, Senegal, única rexión do país onde permanece latente unha confrontación de tintes independentistas. Alí estase a traballar nas necesidades educativas e sanitarias da poboación ao mesmo tempo que se incide na prevención e xestión dos conflitos e se apoia á poboación co problema das minas antipersoas.

Fabiola Sotelo, directora xeral de Cooperación Exterior do Goberno galego, fixo este anuncio na presentación do Informe sobre o Estado Mundial da Infancia de UNICEF, que o responsable desta organización en Galicia, Andrés Fariña, fixo público en Santiago. Sotelo resaltou na súa intervención a importancia de traballar “a prol da igualdade entre os xéneros ao mesmo tempo que se favorece o acceso á educación das mulleres” para, deste xeito, “incidir na mellora das condicións de vida das nenas e nenos de moitas comunidades”.

Relación directa entre políticas de xénero e pulo á infanciaPola súa banda o presidente de UNICEF Galicia, Andrés Fariña, asegurou que os resultados deste estudo apuntan á necesidade e á importancia de “eliminar a discriminación de xénero para acadar un impacto positivo na supervivencia e benestar da infancia”, asegurando que “cando se promove a autonomía das mulleres a infancia e as familias prosperan.”

Neste sentido, fixo un chamamento tanto aos Gobernos e Administracións responsables das políticas de fomento da igualdade de xénero para que traballen pola consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, e fundamentalmente do terceiro, que avoga por promover a igualdade entre xéneros e a autonomía da muller. “A muller debe tomar parte no proceso de desenvolvemento”, remarcou Fariña.

Informe Mundial da InfanciaHoxe presentouse en todo o mundo o informe que cada ano elabora UNICEF para dar conta da situación na que viven as nenas e nenos de todo o mundo. Este ano o informe fai fincapé na necesidade de promover a igualdade entre os xéneros como xeito de conseguir que melloren as condicións de vida das nenas e nenos.  Para isto considérase necesario, segundo o informe de Unicef, traballar en sectores como a educación, a participación da muller nas institucións e na economía formal, promover a autonomía da muller e comprometer aos homes na loita pola igualdade entre os xéneros.

Esta igualdade contribuirá, segundo UNICEF, a reducir a pobreza e a fame, mellorar a saúde das nais, asegurar a educación universal ou combater enfermidades como o VIH. xa que tense comprobado que as  mulleres sans e educadas teñen fillos tamén sans e con maiores posibilidades de sobrevivir.

720.000 euros para proxectos relacionados coa infanciaA Dirección Xeral de Cooperación Exterior está a destinar este ano un total de 720.000 euros para proxectos que teñen como beneficiarios principais as nenas e nenos. En total estanse a financiar 11 proxectos, seis deles son proxectos de cooperación mentres que os cinco restantes están destinados a concienciar a poboación galega, especialmente á infantil, da situación na que viven millón de nenos no terceiro mundo.

Perú, Bolivia, Ecuador e Nicaragua son os países onde se están a desenvolver proxectos financiados pola Xunta de Galicia. A maioría deles están centrados en facilitar o acceso á educación e a capacitación que permita aos nenos e nenas destas comunidades empobrecidas saír da situación de exclusión na que se atopan. Este é o caso do proxecto que Fe y Alegría está a levar a cabo en Chinandega (Nicaragua) onde se están a financiar as obras de construción e equipamento de catro colexios.

Ademais das accións que se están a financiar no terceiro mundo, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior está a promover e colaborar en campañas de sensibilización que teñen como principal destinatarios os nenos e nenas galegos. Para isto, este ano está a financiar con preto de 70.000 euros, cinco proxectos diferentes desenvolvidos por ONG´S  para difundir os valores da solidariedade, o desenvolvemento sostible, a paz, o respecto, a tolerancia e a igualdade entre os rapaces galegos.