Novas de Cooperación Galega
11/05/2006
Xeral

A XUNTA COMPROMÉTESE A TRABALLAR PARA CONSEGUIR QUE 70% DOS GALEGOS DISPOÑA DUNHA TENDA DE COMERCIO XUSTO PRETO DA SÚA CASA

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, ratificou esta mañá o compromiso do Goberno galego co comercio xusto e o comercio responsable ao tempo que asegurou que Xunta “está a apoiar e sempre fomentará” as iniciativas que traballen na dirección de “conseguir que polo menos o 70% dos galegos dispoñan dun punto de venda de comercio xusto preto das súas casas”.

Fabiola Sotelo participou esta mañá na VIII Festa do Comercio Xusto organizada por Solidariedade Internacional na Praza do Toural compostelá, onde se interesou polas actividades de difusión, sensibilización social e de entretemento que esta ONGD organizou para conmemorar en Galicia o Día Mundial do Comercio Xusto, que se celebra mañá, 13 de maio. Estas actuacións se están a desenvolver simultaneamente na capital galega, A Coruña, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Vigo, Ourense, Ribadavia e Lugo para achegar á sociedade galega a importancia de consolidar o consumo responsable.

A Dirección Xeral de Cooperación Exterior está a desenvolver na actualidade varias liñas de actuación neste eido. Trátase de incrementar a sensibilización dos cidadáns galegos de cara á súa responsabilidade como consumidores a través de campañas de difusión e colaborar no desenvolvemento de proxectos no terreo para fortalecer as iniciativas de produtores que comercialicen os seus produtos mediante o comercio xusto.

Dende a Administración autonómica, se está a levar a cabo a introdución dos produtos de comercio xusto para o consumo nas institucións galegas e comeza a incorporalos como agasallo protocolario. Así mesmo, se está a avanzar na elaboración dun estudo inicial, de acordo cos axentes implicados, para a definición dunha estratexia galega global de comercio xusto.

Trátase de promover unha actitude cidadá que contribúa á mellora real das condicións de vida dos produtores e demais traballadores dos países subdesenvolvidos, a través da consolidación do comercio xusto como alternativa viable de mercado. Para iso este ano se está a colaborar en materia de sensibilización e potenciación do comercio xusto con sete ONGD´s : A Cova da Terra, Intermon Oxfam, Amigos da Terra, Implicad&#64s no desenvolvemento, Solidariedade Internacional, Enxeñería Sen Fronteiras, Amarante e coa Coordinadora Galega de ONG´s para o Desenvolvemento.

Apoio no terreoNo terreo, a Xunta de Galicia está a colaborar na implementación dun programa de consolidación dos produtores cacaoteros do Ecuador con Intermon Oxfam e noutro de mellora de vida dos produtores artesanais peruanos agrupados en organizacións autoxestionarias, a través da ONG A Cova da Terra.