Novas de Cooperación Galega
09/11/2017
Xeral

A Xunta coñece os proxectos de saúde integral que se están a levar a cabo en Guatemala pola ONGD Farmamundi

Guatemala é considerado un país estratéxico para a Cooperación Galega polo seu vínculo histórico e pola tradicional presenza e traballo desenvolvido por numerosos axentes galegos de cooperación neste país

 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, coñeceu no seu último día de visita a Guatemala os proxectos de saúde que realiza a ONGD Farmamundi en San Martín Sacatepéquez, departamento de Quetzaltenango, co obxectivo de combater a desnutrición crónica en menores de 5 anos e mulleres embarazadas. Na zona de actuación do proxecto os índices de desnutrición crónica están por riba do 50% e a mortalidade infantil alcanza a 28 de cada 1000 menores.

Jesús Gamallo, acompañado da subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, reuniuse co responsable de Farmamundi en Guatemala, Giovanni Salazar, que lle explicou que as accións do proxecto están enmarcadas nun modelo de saúde integral e comunitaria xa que se traballa nun entorno de poboación indíxena cun idioma e unha identidade cultural distinta á establecida na medicina occidental.

As accións levadas a cabo nas comunidades de Santa Inés, Santo Domingo e El Rincón céntranse na selección de axentes comunitarios de saúde, a formación das familias sobre prácticas para mellorar os hábitos de saúde a través de técnicas de comunicación para o desenvolvemento, seguimento dos embarazos de risco e dos menores con enfermidades e o fortalecemento das organizacións comunitarias para que sexan capaces de facer incidencia política para demandar o cumprimento do seu dereito de acceso á saúde de calidade.

Felipe Terradillos, técnico do proxecto de Farmamundi, explicou que traballan cun total de 156 familias e que as maiores dificultades se atopan na desconfianza de mulleres e homes indíxenas na labor dos servizos médicos, pero que gracias ao traballo directo con promotoras de saúde e líderes comunitarios se consegue ir rachando esa barreira. A que é máis difícil de superar é a barreira que conforman as causas estruturais da desnutrición, como a falta de acceso ao uso e pertenza da terra, a escasa educación das familias, a inexistencia de persoal médico con coñecemento de idiomas maias, a dificultade para acceder a produtos frescos nas comunidades e os traballos precarios da maioría da poboación campesiña. Todo elo fai moi complicado a baixada dos índices de desnutrición, pero consideran que o proxecto ten demostrado xa que a mellora de hábitos de saúde incide directamente na mellora da situación da infancia.

Rafael Valdizón, médico do proxecto, recalcou que dentro das accións impulsadas no último ano está a mellora da infraestrutura do posto de saúde da comunidade e o abastecemento de medicamentos. Estes postos de saúde están atendidos só por unha auxiliar de enfermería e nel aténdense os partos que non presentan problemáticas graves, xa que de ser así teñen que ser derivados ao hospital que se atopa a uns 80 quilómetros.