A Xunta convocou unha reunión de coordinación no marco da emerxencia humanitaria en Ucraína

- A reunión celebrada onte foi dirixida por Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, coa finalidade de mellorar a coordinación no relativo á canalización da axuda humanitaria a Ucraína.
A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, convocou onte unha reunión coa finalidade de compartir información sobre a resposta que se está a dar desde Galicia por parte das diferentes organizacións e institucións para tratar de coordinar as diferentes actuacións no relativo ao envío de axuda humanitaria a Ucraína.
En dita reunión participaron o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, e representantes do Concello de Santiago, da Coordinadora Galega de ONGD, das ONGD humanitarias (Farmacéuticos Mundi, Médicos del Mundo, UNICEF Comité Galicia, Cruz Vermella, Educo, Entreculturas, Movimiento por la Paz, el Desarme y la Libertad e Axuda en Acción) e do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Tamén participou na reunión o director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado.
O director xeral de RREE e coa UE, Jesús Gamallo, trasladou aos asistentes a información que está a chegar da Oficina de Acción Humanitaria da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e da Secretaría de Estado de Cooperación Internacional, coas que se está en permanente contacto e coordinación, no sentido de priorizar preferentemente as doazóns en efectivo, en detrimento das axudas en especie.
A Xunta considera que é imprescindible unha acción conxunta e coordinada dos distintos axentes para garantir que toda a axuda en materia de acción humanitaria sexa o máis eficaz e eficiente posible.
Isto responde a un chamamento das organizacións e das ONGD que están en terreo para poder canalizar a axuda e para que sexa efectiva e eficaz e chegue realmente aos que o necesitan, xa que hai problemas loxísticos para traslado, almacenamento e distribución, así como problemas medioambientais e co comercio local nos países de recepción das doazóns en especie. Reitérase a necesidade de que prioritariamente se fagan doazóns en efectivo nas contas que habiliten as organizacións internacionais e as ONGD encargadas desta materia.
Como resultado da reunión considerouse necesario a creación e mantemento dun grupo de coordinación estable para o intercambio da información e a procura de solucións ante esta crise.
Como actuación inicial propúxose a publicación dun comunicado conxunto para que a cidadanía coñeza cal é a mellor maneira de canalizar ou facer efectiva a súa solidariedade co pobo ucraíno. Neste sentido insistirase na necesidade de que prioritariamente se fagan doazóns en efectivo nas contas que habiliten as organizacións internacionais e as ONGD humanitarias que se atopan no terreo, debido á dificultade loxística da recollida, almacenamento, transporte e reparto da axuda en especie.
A Xunta, dende a DXRREE e coa UE informou que puxo en marcha os instrumentos de financiamento de axuda humanitaria dos que dispón, para facer fronte á crise tanto a través da activación de dous convenios de colaboración asinados con entidades expertas na atención deste tipo de crises como Farmacéuticos Mundi e UNICEF, así como do convenio asinado coa cooperación descentralizada e a Axencia Española de Cooperación Internacional, a través do cal activouse un fondo de continxencia de 400.000€ para destinar ao chamamento internacional realizado pola Federación Internacional da Cruz Vermella presente en Ucraína e nos países fronteirizos. Tamén se actuará a través do financiamento de intervencións de resposta á emerxencia que se presenten a través da convocatoria para proxectos de acción humanitaria no exterior que se publicará nas vindeiras semanas.
Ademais acordouse que a través da FEGAMP e os Concellos se faga un inventario sobre os lugares de referencia de recollida e almacenaxe de material para ter coñecemento do seu volume e contido, a fin de tomar a mellor decisión sobre como proceder ao respecto.