Novas de Cooperación Galega
27/06/2026
Xeral

A Xunta coordina o primeiro envío de axuda humanitaria a Venezuela a través de Farmamundi e da Cruz Vermella

  • Desde a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes tamén se traballou na organización da viaxe dos bombeiros galegos integrados no dispositivo español que partiu esta mañá de Torrejón de Ardoz
  • O orzamento destinado a cooperación irá dirixido a axudar á reconstrución das zonas afectadas polos terremotos

A Xunta de Galicia mobilizou un dispositivo de axuda humanitaria para colaborar nas tarefas de resposta á emerxencia provocada polos terremotos rexistrados en Venezuela. O Goberno galego traballou nestes últimos días na coordinación do desprazamento dun equipo especializado en busca e rescate, ao tempo que activou distintas actuacións de cooperación para contribuír á atención das persoas afectadas.

Galicia desprazou a Venezuela un equipo lixeiro de busca e rescate urbano para colaborar na resposta aos terremotos. O dispositivo, que partiu esta mañá desde a base aérea de Torrejón de Ardoz (Madrid) formando parte dun único equipo de medios procedentes de España, está integrado por seis bombeiros integrantes da Asociación Briegal (Búsqueda e Rescate Integral en Emerxencias de Galicia) e dous técnicos de emerxencias sanitarias da organización non gobernamental IAE (Intervención, Axuda e Emerxencias). A coordinación do desprazamento, a dotación do material necesario para a viaxe e os traballos e a comunicación continua co Cenem (Centro Nacional de Seguemento e Coordinación de Emerxencias) foi levada a cabo pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a través da Dirección Xeral de Emerxencias.

Este dispositivo galego de rescatadores especializados ten capacidade para realizar, entre outros traballos, labores de corte e perforación, control de atmosferas, rescate con cordas ou busca técnica e xa participou en anteriores emerxencias internacionais, como os terremotos de Turquía e as inundacións de Libia.

Por outra banda, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE e Cooperación ao Desenvolvemento traballou desde o primeiro momento na procura das vías máis eficaces para canalizar axuda cara ás persoas afectadas polos terremotos rexistrados o pasado xoves en Venezuela.

Activouse así o convenio de colaboración con Farmamundi, o que ten permitido o envío de produtos farmecéuticos e insumos médicos cara ao terreo. Así mesmo, axilizarase a sinatura do convenio con Cruz Vermella para a atención desta emerxencia humanitaria.