A XUNTA DE GALICIA APOSTA POLA “SENSIBILIZACIÓN SOCIAL E A EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO” NA LOITA CONTRA A POBREZA
A Directora Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, apostou esta mañá por fomentar dende a Administración autonómica a “sensibilización e a educación social para o desenvolvemento” no traballo de loita contra a pobreza.
Sotelo fixo estas declaracións na presentación aos medios do Ciclo de Cine Solidario 8 olladas para o Milenio, organizado pola Coordinadora Galega de ONG`s para o Desenvolvemento co financiamento da Dirección Xeral de Cooperación Exterior e a colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Santiago de Compostela.
Na súa intervención, a directora xeral asegurou que o traballo de sensibilización é “fundamental” e que así o recollen as liñas básicas de actuación da súa xestión para os vindeiros catro anos. Neste sentido, destacou o papel da Coordinadora Galega de ONG`s para o Desenvolvemento “por aunar todas as iniciativas que se levan a cabo no noso país para achegar aos galegos, a través da sétima arte, as realidades doutros mundos e das causas da pobreza”.
“Dende a Xunta de Galicia –dixo- apoiamos este tipo de iniciativas porque estamos persuadidos da importancia das actividades a prol da sensibilización e da educación para o desenvolvemento. É un dos retos que temos marcados na nosa xestión destes anos”.
Fabiola Sotelo informou que “precisamente, o capítulo de orzamentos que máis medra no ano 2006 é o dedicado a actividades de sensibilización e educación para o desenvolvemento que se levarán a cabo a través das ONGD´s”, que este ano “increméntase nun 44%”.
Os obxectivos do milenioEste ciclo de cine, que se desenvolverá no Teatro Principal a partir de mañá e ata o 12 de febreiro, está centrado na Campaña dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, e que baixo o lema de “Pobreza Cero”, pretende chamar á atención sobre os compromisos adquiridos polos 189 Xefes de Estado de Goberno na chamada Declaración do Milenio, asinada no ano 2000 na sede de Nacións Unidas.
Estes obxectivos refórzanse mutuamente e representan un “Pacto Global” ente todos os países (ricos e pobres) baseado na responsabilidade mutua de construír un mundo máis seguro, máis próspero e máis equitativo para todos antes de 2015.Cada película pretende achegar a través das imaxes cada un dos oito Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio:
1- ERRADICAR A POBREZA EXTREMA E A FAMEO pesadelo de Darwin. Dir. Hubert Sauper
2- ACADAR A EDUCACIÓN PRIMARIA UNIVERSALNin un menos. Dir. Zhang Yimou
3- PROMOVER A IGUALDADE DE XÉNERO E A AUTONOMÍA DA MULLERMoolaadé. Dir. Ousmane Sembene
4- REDUCIR A MORTALIDADE INFANTILAlí Zaoua. Dir. Nabil Ayouch
5- MELLORAR A SAÚDE MATERNAO sangue do cóndor. Dir. Jorge Sanginés
6- COMBATER A SIDA, O PALUDISMO E OUTRAS ENFERMIDADESNo mundo a cada rato. Varios directores
7- GARANTIR A SOSTENIBILIDADE AMBIENTALA princesa Mononoke. Dir. Hayao Miyazaki 8- FOMENTAR UNHA ASOCIACIÓN MUNDIAL PARA O DESENVOLVEMENTOA Toma. Dir. Avi Lewis
Pobreza CeroSegundo asegurou o presidente da Coordinadora Galega de ONG´s para o Desenvolvemento, Xosé María Torres, a selección destes filmes ten como principal obxectivo “espallar” a idea da “pobreza cero”, sen a cal non se poden conseguir os oito obxectivos do milenio. “Sen eliminar a pobreza é imposible cumprir o resto dos obxectivos”, sentenciou. Así mesmo, explicou que “os cartos recadados coas entradas irán destinados ás accións da campaña Pobreza Cero”.