A XUNTA DE GALICIA AUMENTA NUN 29 POR CENTO OS ORZAMENTOS DA COOPERACIÓN GALEGA NO ANO 2008
O Consello da Xunta de Galicia deulle hoxe visto e prace ao Plan Anual de Cooperación Galega paro o Desenvolvemento 2008, no que investirá 12.085.069 euros en cooperación internacional, o que supón un incremento do 28,9 por cento con respecto ao orzamento do 2007.O plan galego de Cooperación para o Desenvolvemento, coordinado desde a Dirección Xeral de Cooperación Exterior, ten como prioridades xeográficas as rexións mais desfavorecidas de África, América do Sur e América Central e Caribe, nos que se desenvolven proxectos orientados, sostidos e avaliados segundo un Plan Director 2006-2009.Despois de dous anos de vixencia deste Plan, o 2008 proponse como o ano de consolidación e incremento da calidade da cooperación galega. Nesa dirección, axudará a nova Lei de subvencións vixente, mais tamén a execución de programas de cooperación directa, xestionados desde a Dirección Xeral de Cooperación Exterior, en colaboración cos países prioritarios e coa participación dos axentes especializados. O Plan de Cooperación Galega 2008 terá como obxectivos básicos a sensibilización social sobre as desigualdades no mundo; o fortalecemento de todos os actores do sistema galego de cooperación; a mellora da calidade técnica e operativa do sector; a ampliación e mellora dos seus instrumentos; a procura de sinerxías cos sectores galegos con experiencia en cooperación; o fomento do comercio xusto e o consumo responsable; e a elaboración de estratexias para as prioridades da cooperación galega.