Novas de Cooperación Galega
22/11/2007
Xeral

A XUNTA DE GALICIA CONVOCA CATORCE BOLSAS DE FORMACIÓN EN COOPERACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO

A Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia (nº 227, venres 23 de novembro de 2007) a convocatoria de catorce bolsas de formación de expertos en cooperación internacional para o desenvolvemento. Esta oferta, á que se destinarán máis de 184.140  euros, duplica o número de bolseiros convocados o ano pasado.

Con esta medida preténdese apoiar a formación de expertos en cooperación internacional, complementando a formación académica dos titulados universitarios con estadías na Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela, e nos proxectos que, co apoio do Goberno galego, se executen nos países prioritarios da cooperación galega, así como nas Oficinas Técnicas de Cooperación (OTC) dependentes da Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) e, por primeira vez, nas oficinas en terreo da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) e o Fondo de Desenvolvemento das Nacións Unidas para a Muller (UNIFEM). 

A política de cooperación ao desenvolvemento está experimentando un importante crecemento en Galicia tanto no relativo a medios e instrumentos financeiros como á extensión xeográfica que abrangue. Esta situación fai necesaria a formación de recursos humanos para o desenvolvemento as actuacións neste eido, especialmente trala aprobación en 2003 da Lei de Cooperación ao Desenvolvemento, pola que Galicia asume a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral.

 Así mesmo, o I Plan Director da Cooperación Galega para 2006-2009 destaca a necesidade de formar persoal especializado que contribúa ao fortalecemento do sistema galego de cooperación, establecendo un compromiso de incrementar as bolsas de cooperación internacional en países en vías de desenvolvemento.

Requisitos

Os aspirantes a estas catorce bolsas deberán reunir unha serie de requisitos. Entre outros, o bolseiro deberá ter nacionalidade española ou dun Estado membro da Unión Europea, ter veciñanza administrativa en Galicia ou ter a condición de residente ausente; ter menos de 30 anos de idade, así como posuír un título universitario de grao medio ou superior. O prazo de solicitude estará aberto ata o 24 de decembro.