Novas de Cooperación Galega
06/05/2006
Xeral

A XUNTA DE GALICIA E A AXENCIA ESPAÑOLA DE COOPERACIÓN INTERNACIONAL REFORZARÁN O PLAN DE APOIO AO SECTOR DA PESCA E DA ACUICULTURA QUE ESTÁN A DESENVOLVER EN CENTROAMERICA

A Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia e a Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) incrementarán a súa colaboración para potenciar o Plan de Apoio ao sector da pesca e da acuicultura que están a desenvolver en Centroamérica.

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, e mailo subdirector xeral de Cooperación con México, América Central e Caribe da AECI, Pascual Navarro, reuníronse esta semana en Santiago para analizar o programa de actividades para o bienio 2007-2008 e as vías de actuación que permitan incrementar a coordinación e os fondos destinados a este proxecto.

O Plan de Apoio ao sector da pesca e a acuicultura, posto en marcha entre a Administración autonómica galega e a AECI en 2004, ten como finalidade última das súas actuacións a loita contra a pobreza. Trátase de fomentar, dende unha visión rexional, unha explotación sostible dos recursos naturais que serva como unha achega ao desenvolvemento das poboacións que teñen a pesca e a acuicultura como medio de subsistencia.

Este plan está organizado en catro liñas de actuación fundamental. Por unha banda, prevese actuar no desenvolvemento normativo e o fortalecemento institucional dos países centroamericanos, na protección do medio ambiente e a investigación necesaria neste apartado, a comercialización dos produtos pesqueiros e marisqueiros, así como na formación, capacitación e organización do sector, no que se incidirá especialmente a partir de agora.

Segundo o acordado estes días, realizarase un especial esforzo no programa de formación. Xunto aos aspectos normativos, ambientais e comerciais, é importante que os traballadores implicados na explotación pesqueira coñezan os condicionantes biolóxicos que van limitar as súas actividades, as especies explotables, así como la normativa básica aplicable. As actividades formativas e de capacitación centraranse nos ámbitos da navegación, seguridade marítima, pesca responsable, hixiene e manipulación dos produtos pesqueiros e mantemento de embarcacións, artes e aparellos.

Así mesmo, prestarase colaboración coas institucións locais para crear titulacións para o desenvolvemento racional do sector pesqueiro, desenvolveranse cursos de formación de formadores e mellorarase a capacitación dos traballadores públicos dos organismos públicos e institucións pesqueiras. Paralelamente, fomentaranse a organización do sector pesqueiro e o asociacionismo neste ámbito.

Segundo o acordo acadado entre Fabiola Sotelo e Pascual Navarro, procurarase xerar sinerxías de actuación entre as dúas Administracións dentro deste Plan de Apoio ao sector da pesca e a acuicultura para acadar que sexa o marco aglutinador das accións de cooperación en materia pesqueira en centroamérica.

5 Programas de pesca en CentroaméricaNa actualidade, a Xunta de Galicia está a desenvolver un total de 5 proxectos de cooperación ao desenvolvemento relacionados coa pesca en Centroamérica, catro deles coordinando a acción da Axencia Española de Cooperación Internacional. Para estas actuacións, Galicia achega este ano preto de 350.000 euros.

No Salvador, a Administración autonómica galega está a impulsar unha serie de actuacións de manexo na área natural de Bahía da Unión, no Golfo de Fonseca. Así mesmo, a Xunta coordina o desenvolvemento da segunda fase do programa de apoio á pesca artesanal, o marisqueo e o aproveitamento sostible dos recursos mariños costeiros da rexión oriental.

En Guatemala, este ano se está a contribuír na construción dun centro de venda e distribución maiorista de pesca artesanal na Central de Maioreo da Cidade de Guatemala, no marco do Plan Operativo AECI-Xunta de Galicia, que conta cun investimento de 62.500 euros.

Outra das actuacións actualmente en marcha é a encargada de prestar apoio á actividade pesqueira das comunidades artesanais do Lago Nicaragua e Río San Juan, en Nicaragua. Tamén dentro das actuacións da AECI en Centroamérica, Galicia coordina a construción dun centro de lonxa na illa de Guapinol Choluteca e no complemento das obras do peirao de Coyolito, en Honduras.