Novas de Cooperación Galega
27/03/2008
Xeral

XUNTA DE GALICIA E CAIXA GALICIA PROMOVEN UN PLAN DE FORMACIÓN DIRIXIDO A TODOS OS AXENTES

D. José Luis Méndez López, Director Xeral de Caixa Galicia, e D. Julio César Félix Fernández Mato, Secretario Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, asinaron hoxe un convenio de colaboración que permitirá levar a cabo no 2008 un Plan de Formación en materia de cooperación ao desenvolvemento que conta cun orzamento de 60.000 euros, sufragado a partes iguais polas dúas institucións.  Este Plan vai dirixido a apoiar os esforzos cara unha maior calidade e eficiencia de todos os actores galegos da cooperación, proporcionando formación en ferramentas e metodoloxías de planificación, execución e avaliación da cooperación, así como espazos de reflexión onde a sociedade galega poida participar nas decisións sobre as actuacións político- económicas no eido da cooperación internacional para o desenvolvemento.  Na Cooperación Galega participan a administración autonómica e as entidades locais, así coma tamén as ONGD, as Universidades, as empresas, os sindicatos e outros axentes sociais.  Este Plan de Formación non só incluirá actividades formativas, senón que abrirá un Foro de Debate así coma un Ciclo de Conferencias no que participará, entre outros persoeiros de recoñecido prestixio, Susan George, líder do movemento “altermundialista”. Estas conferencias contribuirán a sensibilizar á opinión pública sobre a necesidade da Axuda ao Desenvolvemento e a coñecer en primeira persoa novas propostas de actuación nesta materia.   A Dirección Xeral de Cooperación Exterior… O nacemento en 2005 da Dirección Xeral de Cooperación Exterior supón un punto de inflexión nas políticas para o desenvolvemento realizadas dende Galicia, tanto dende un punto de vista técnico, coma político e orzamentario. Para este ano 2008, o orzamento da Dirección Xeral de Cooperación Exterior ascende a 10,6 millóns de euros, un 70% de crecemento dende o 2005.  Entre os obxectivos da Cooperación Galega destacan o fomento do coñecemento e da sensibilización sobre as desigualdades no mundo, o fortalecemento de todos os actores do sistema galego de Cooperación e a mellora da calidade técnica e operativa do sector. Os medios empregados son as convocatorias públicas e o cofinanciamento de proxectos, a cooperación directa así coma intervencións noutros eidos, facendo fincapé na sensibilización e na formación.  Mentres que as prioridades xeográficas están centradas nos países menos avanzados de África Subsahariana, América Central e Caribe e América do Sur, as prioridades sectoriais a salientar son: a cobertura das necesidades básicas, a infraestrutura e a promoción do tecido económico, a participación social e bo goberno, ou o investimento no ser humano.  Caixa Galicia, primeira entidade privada implicada na Cooperación ao Desenvolvemento   Dende 1999, Obra Social de Caixa Galicia, a través da súa Convocatoria de Cooperación ao Desenvolvemento, ten apoiado de forma continuada o labor de máis de 40 ONG que están a promover 96 proxectos diferentes, cun aporte de 2, 4 millóns de euros. As súas actuacións neste eido nos derradeiros anos diríxense a promover especialmente o Comercio Xusto, o Microfinanciamento o Codesenvolvemento e o fortalecemento das ONGD. Caixa Galicia forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento, creado no ano 2005.