Novas de Cooperación Galega
29/01/2007
Xeral

A XUNTA DE GALICIA E A REPÚBLICA DOMINICANA ASINARÁN UN ACORDO MARCO DE COLABORACIÓN EN EDUCACIÓN, XESTIÓN DE RESIDUOS, DESENVOLVEMENTO E ENERXÍAS LIMPAS

 O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, recibiu hoxe en Monte Pío a unha delegación da República Dominicana presidida polo vicepresidente dese país, Rafael Alburquerque. Na xuntanza, na que tamén participaron o secretario xeral de Relacións Exteriores, Santiago Gómez-Reino, e a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, analizáronse os proxectos de cooperación que se está a desenvolver actualmente na República Dominicana, así como as iniciativas previstas para o presente ano 2007 e para o 2008.

Touriño mostrouse especialmente interesado na pronta concreción do Acordo Marco de Colaboración que se está a preparar e que sentará as bases que recollan as diferentes iniciativas de colaboración entre ambos países.

Ao abeiro dese acordo está previsto desenvolver un programa de intercambios para doctorandos da Universidade Autónoma de Santo Domingo, a maior universidade pública do estado dominicano, que se centrará sobre todo nas ciencias experimentais. Trátase dun proxecto xa abordado o pasado outono na República Dominicana pola directora xeral de Cooperación Exterior e a secretaria de Estado de Educación Superior, Ciencia e Teconoloxía do país americano

Por outra banda, xa se estableceron os contactos para, a través de SOGAMA, e coa implicación da Consellería de Medio Ambiente, realizar unha primeira asistencia técnica que poida apoiar a mellora da xestión dos residuos sólidos na cidade de Santo Domingo. Está previsto que proximamente o Secretario de Estado para o Medio Ambiente e Recursos Naturais da República Dominicana, visite Galicia para concretar o proxecto.

Paralelamente, existe o compromiso para o financiamento do proxecto de “Rescate e Relanzamento do Centro Histórico de Santiago de los Caballeros”, a segunda cidade en tamaño e importancia da República Dominicana e que no pasado se irmanou con Santiago de Compostela.

O vicepresidente da República Dominicana interesouse no encontro desta mañá pola aposta galega polas enerxías renovables, especialmente a eólica, eido no que se estuda abordar proxectos de cooperación.

Destaca de igual xeito o apoio de ONGD a múltiples proxectos que diversas organizacións está levando a cabo en varios barrios de Santo Domingo ou no norte do país. Dende a Dirección Xeral de Cooperación Exterior, se prevé un aporte dun millón trescentos mil euros para o bienio 2007–2008, nas diferentes iniciativas a desenvolver na República Dominicana, que é un dos países prioritarios para a cooperación galega segundo o I Plan Director 2006- 2009, aprobado o pasado ano por unanimidade no Parlamento de Galicia.

Repaso da actualidade políticaNo encontro desta mañá, Pérez Touriño interesouse por coñecer máis profundamente a situación política actual da República Dominicana, presidida en maioría absoluta por Leonel Fernández, e onde nos dous últimos anos se están a rexistrar importantes progresos na economía e a na modernización do país. Así mesmo, o presidente da Xunta e o vicepresidente dominicano intercambiaron impresións sobre os cambios que os últimos procesos electorais introduciron no marco político latinoamericano.

Rafael Alburque tamén quixo coñecer os detalles do momento político español e expresou o seu desexo de que sexa posible superar con prontitude os recentes acontecementos. Ambos analizaron tamén a situación da importante comunidade de galegos, sobre todo procedentes do concello de A Guarda, que se atopan establecidos na República Dominicana e contribúen ao crecemento económico do país.

Finalmente o presidente da Xunta reiterou a súa aceptación do convite a visitar a República Dominicana que Rafael Alburquerque lle transmitiu en nome do presidente do país, Leonel Fernández, e cuxa data se concretará dacordo coa axenda.