Novas de Cooperación Galega
06/04/2006
Xeral

A XUNTA DE GALICIA ESTUDA INCREMENTAR A SÚA COLABORACIÓN CON ASOCIACIÓNS PRODUCTORAS DE CACAO DE COMERCIO XUSTO DE ECUADOR

A Xunta de Galicia estuda incrementar a súa colaboración con asociacións produtoras de cacao de Comercio Xusto de Ecuador. A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, reuniuse este mediodía coa vicedirectora Executiva e Social da asociación ecuatoriana Maquita Cushunchic Comercializando como Hermanos (MCCH), Maria Jesus Perez, con quen analizou a evolución do programa que se está a levar a cabo na localidade de Esmeraldas coa colaboración da Administración autonómica e abordou a posibilidade de incrementar as vías de colaboración.

 

MCCH é a segunda comercializadora de cacao do Ecuador e un referente no Comercio Xusto. Fabiola Sotelo destacou o traballo que están a desenvolver e declarouse partidaria de fomentar outras actuacións conxuntas incorporando tamén a outras organizacións non gobernamentais galegas como Amarante.

 

A dirección xeral de Cooperación Exterior xa achegou preto de 120.000 euros a un proxecto de Intermon Oxfam para fomentar a produción e comercialización campesiña de cacao orgánica en Quinindé (Esmeraldas, Ecuador). Esta actuación ten como obxectivo contribuír coas iniciativas que Maquita Cushunchic Comercializando como Hermanos está a desenvolver para mellorar as condicións de vida das familias máis necesitadas.

 

Se está a promover a creación dunha estrutura comercial e organizativa eficiente mediante un plan de mellora da produción cacaotera e un sistema de comercialización asociativo solidario.

 

María Jesús Pérez, pola súa banda, amosou o seu interese por continuar e ampliar a cooperación de MCCH con Galicia e destacou o feito de contar con interlocutores na Admnistración que coñezan os proxectos sobre o terreo. Segundo asegurou “esto facilita o diálogo e o traballo” das asociacións. A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, visitou o proxecto financiado pola Xunta en Ecuador  o pasado 13 de febreiro.

 

Fundación MCCH Maquita Cushunchic Comercializando Como Hermanos (MCCH) é unha institución privada sen fins de lucro que naceu o 24 de marzo de 1985 da iniciativa das Comunidades Eclesiales de Base do Sur de Quito. Constituíuse legalmente para traballar na comercialización comunitaria ao servizo dos sectores rurais e urbanos marxinais e de menores recursos do Ecuador.

 

A Fundación MCCH traballa para incidir na estrutura social e política do Ecuador. Proponse modificar as relacións entre a sociedade, a economía e o mercado, xerando cambios que beneficien as persoas e aos sectores de menos recursos. Con esta finalidade, promove o movemento da Socioeconomía Solidaria con redes locais autoxestionarias; liderando e apoiando os sistemas de financiamento, produción e comercialización alternativas. Potencian, así mesmo, a formación e a capacitación das persoas para esta finalidade.

 

Entre os seus principios destacan a práctica dunha “fe liberadora que provoca compromiso e mística con pobo marxinado”, a “comercialización equitativa”, a “práctica e esixencia de transparencia e honestidade”, a “política non partidista”, a “equidade entre as mulleres e homes”, a “práctica da non violencia activa”, o “respecto e valor das raíces culturais e da natureza” e a consideración da familia como “eixo importante” no camiño organizativo. Así mesmo, promoven a produción e o consumo de produtos naturais e sans.