Novas de Cooperación Galega
24/12/2005
Xeral

A XUNTA DE GALICIA PARTICIPA EN 2005 EN 17 PROXECTOS DE COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO EN PERÚ

A Xunta de Galicia está a participar nun total de 17 proxectos de cooperación ao desenvolvemento en Perú. A directora xeral de Cooperación Exterior do Goberno galego, Fabiola Sotelo, desprazouse estes días ao país andino para coñecer de preto os traballos que se están a desenvolver coa colaboración da nosa comunidade autónoma. Estas actuacións contaron en 2005 cunha achega de 946.420,52 euros por parte da Administración galega.

Trátase da primeira viaxe oficial de Fabiola Sotelo a América Latina, unha das áreas prioritarias dentro das actuacións da dirección xeral de Cooperación Exterior. Neste percorrido polas rexións de Lima, Cutervo e Cuzco, a directora xeral tivo ocasión de comprobar in situ a evolución dos programas levados a cabo coa colaboración da Administración autonómica galega e achegarase aos colectivos receptores da axuda para percibir de preto as súas necesidades e demandas.

A solidariedade galega está presente en Perú asociada a diversos actores sociais (agrupacións populares e de mulleres, Universidades, Administracións, ONGDs e Axencia Española de Cooperación Internacional AECI), procurando crear sinerxias de actuación entre varios membros no mesmo sector e dar orixe a un traballo “en rede” que contribúa a paliar as causas que orixinan a pobreza e a marxinación social.

A actuación da Xunta, centrada na defensa dos dereitos sociais e dos traballadores, presta apoio a diversos grupos e institucións para o desenvolvemento, mellora e fortalecemento da industria pesqueira peruana, a agricultura, a creación de comunidades saudables e autoxestionadas e no mantemento de comedores populares.

Ampla rolda de contactos Entre os días 14 e 17 deste mes, Fabiola Sotelo mantivo unha intensa axenda de traballo en Perú. Dentro da súa rolda de entrevistas, reuniuse co viceministro de Pesca, Alfonso Miranda; co Presidente do Instituto do Mar do Perú (IMARPE), Contraalmirante Hugo Arévalo; co reitor da Universidade Nacional Agraria de La Molina; así como con representantes dos proxectos de Mulleres de sectores populares que apoian políticas públicas que as afecten, do Abastecemento Integral de Auga en Aahh Libertad Chosica e da Organización de produtores de Comercio Xusto de Perú. Así mesmo, tivo ocasión de comprobar que os proxectos que mellor están a funcionar son os levados a cabo por mulleres, entre as que se atopan algunhas galegas. Fabiola Sotelo reuniuse con dúas destas mulleres galegas que están a traballar no desenvolvemento de proxectos de colaboración en Perú. Unha delas é a irmá Marisa Freire, pertencente á congregación das Siervas de San José “Josefinas”, que traballa na zona de Cuzco; e tamén se entrevistou con Maricarmen Parrado, membro de ESCAES –Perú, involucrada no desenvolvemento do plan Comunidades saudables e protección do medio ambiente.

Sector pesqueiroEntre os proxectos máis destacados nos que colabora o Goberno galego está o dedicados ao apoio ao desenvolvemento do sector pesqueiro e acuícula do Perú, que se está a desenvolver dende o ano 2002 coa participación do Goberno peruano e administracións rexionais e locais do sur do Perú (Moquegua, Tacna, Lima, Ica, Ancash, Arequipa, Madre de Dios, Puno e Loreto), do sector privado liderado por ANFACO e co impulso do Goberno español.

Neste contexto, se está a prestar colaboración en diversos plans de apoio ao desenvolvemento da acuicultura nas rexións de Tacna e Moquegua, á mellora da comercialización e promoción do consumo do pescado en poboacións de baixos recursos do Perú e na creación de nova oferta laboral neste sector produtivo. A través de asistencias técnicas, a Xunta de Galicia colabora en accións de capacitación dos traballadores do mar en todo o país, así como en programas de avaliación da merluza, inspección pesqueira, capacitación en produción de peces planos e na elaboración dun catastro acuícola.

Proxecto agrícola Pil PerúA Administración galega ten establecido tamén unha liña de colaboración coa Universidade Agraria da Molina mediante a que se está a traballar na implantación dun simulador virtual de industrias lácteas como ferramenta de formación dos traballadores. Este proxecto, denominado Pil Perú conta coa participación do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela. Outra das iniciativas neste eido produtivo é o proxecto de formación e apoio integral dos produtores artesáns de produtos lácteos en Perú (Arteperú 2005), destinado a promover a incorporación de boas prácticas de produción para mellorar as condicións sanitarias do proceso e os seus ingresos.

Paralelamente, a Xunta de Galicia está a colaborar na construción da ponte colgante Lamas, no abastecemento de auga en Aahh Libertad Chosica (Lima), no Plan de desenvolvemento turístico en Vilacamba, na creación de rexistros civís nas comunidades da Selva Central, así como en convenios de colaboración con entidades locais para a xestión municipal e participación cidadá no desenvolvemento rural.