Novas de Cooperación Galega
07/08/2006
Xeral

A XUNTA DE GALICIA PARTICIPA EN ONCE PROXECTOS PARA O DESENVOLVEMENTO INTEGRAL DA POBOACIÓN INDÍXENA EN AMÉRICA LATINA E ÁFRICA

Mediante esta celebración, fixada o 23 de decembro de 1994 pola Asemblea Xeral da ONU, preténdese dar maior relevo ás cuestións relativas ás sociedades indíxenas e contribuír a xerar oportunidades para que os gobernos, organizacións non gobernamentais e outros grupos de interese difundan e lembren a importancia dos pobos indíxenas e as súas respectivas culturas.

A Xunta de Galicia asume este compromiso e, dentro das súas actuacións a prol do desenvolvemento integral humano, está a colaborar na actualidade nun total de 11 proxectos centrados nas poboacións indíxenas en América e África, así como en actividades de difusión e sensibilización da situación na que están a vivir estes colectivos en todo o mundo. A Dirección Xeral de Cooperación Exterior destinou en 2005 preto de 567.000 euros para a actuación en materia de alfabetización, mellora das condicións de produción, organización comunitaria, sanidade e salubridade alimentaria de poboacións indíxenas en sete países.

Deste xeito, na actualidade se están a desenvolver 4 proxectos a prol do desenvolvemento das poboacións indíxenas en Bolivia, un en México, un en Ecuador, un en Marrocos, un en Namibia e dúas actuacións de formación e sensibilización en Galicia.

4 proxectos en BoliviaEn Bolivia, o Goberno galego está a participar nun proxecto de alfabetización e formación da poboación feminina rural na Comunidade de Yamparaez. En colaboración co Seminario Galego de Educación para a Paz, a Xunta de Galicia está a financiar a ampliación da residencia educativa para acadar unha maior capacitación de mozas de entre 10 e 19 anos.

A cooperación galega tamén está a contribuír á mellora das condicións de produción nas comunidades indíxenas do cordón leiteiro da provincia de Murillo mediante a construción de cortes, inmunización de animais, cursos de hixiene e muxido, semente de forraxes e cursos de formación sobre sanidade animal e produción de derivados lácteos. Esta actuación está a beneficiar a preto dun centenar de produtores lácteos e ás súas familias.

Así mesmo, a Administración autonómica participa no financiamento dunha actuación de desenvolvemento da xestión aimara no ámbito económico, produtivo e organizativo do municipio de Quime, no Departamento da Paz, e na formación para o fortalecemento da xestión municipal de Chulumani e Irupana, na provincia de Sub-Yungas.

México, Guatemala e Ecuador No estado mexicano de Oaxaca a Dirección Xeral de Cooperación Exterior está a apoiar a construción dunha casa para estudantes indíxenas co obxectivo de achegar alternativas para que os mozos indíxenas continúen os seus estudos e tentar frear o fenómeno migratorio nas xeracións mozas da comunidade. O programa prevé a creación dun espazo integral de aloxamento, docencia e produción baseado na autoxestión na rexión de Tlaxiaco. Como actuacións complementarias, fomentarase a vinculación dos rapaces coas realidades das súas comunidades incluíndo na súa formación o recoñecemento e o respecto polo medio ambiente e a inclusión da muller na vida pública.

Outra das actuacións que o Goberno galego promove para mellorar o desenvolvemento integral das poboación indíxenas beneficia a 300 nenos e mozos guatemaltecos a través dun programa de dotación de bibliotecas para escolas rurais do departamento de San Marcos.

Paralelamente, a Xunta colabora con Manos Unidas e o Instituto de Ecoloxía e Desenvolvemento das Comunidades Andinas en Ecuador para mellorar os niveis de seguridade alimentaria e produción agrícola das familias campesiñas indíxenas de oito comunidades do cantón Cayambena. Froito deste traballo conxunto construíronse dous sistemas de rego por aspersión, recuperación do chan e produción agrícola para axudar a mellorar a calidade de vida de 617 familias desta rexión.

Marrocos e NamibiaNa zona do pequeno Atlas, en Marrocos, Galicia está a facilitar a construción dunha escola obradoiro de artesanía que ten como finalidade mellorar a situación socioeconómica da tribo idaousemlal. Preténdese incrementar o nivel educativo e formativo da poboación, acadar a diminución das diferenzas de xénero e evitar o despoboamento da zona debido á emigración. Preto de 12.000 persoas benefícianse desta iniciativa posta en marcha coa colaboración do sindicato Comisións Obreiras-Galicia.

En Namibia, desenvolveuse un programa de apoio á comunidade Aonin a través da formación e o ecoturismo en Walvis Bay. Esta iniciativa orientouse a unir a conservación de zonas naturais co desenvolvemento, dotando de capacidades reais á poboación para administrar os seus recursos naturais e promover a creación de actividades empresariais turísticas na zona mediante a formación profesional dos seus individuos.

Os Aonin, cuxo nome en afrikaans é Topnaar constitúen unha comunidade de preto de 3.000 persoas en Namibia. Na actualidade, a meirande parte deles sobreviven ao sur de Walvis Bay no deserto, totalmente dependentes da actividade da cidade e baixo risco de perder a súa cultura. A formación profesional que se lles está a achegar é unha simbiose dos seus coñecementos ancestrais e aqueles que lles permitan relacionarse e abrirse á comunidade internacional para mostrar o deserto Namib. É importante destacar que os Topnaar son o único grupo étnico autorizado polo goberno Namibio para transitar e transportar persoas por un espazo de enorme valor ecolóxico e hoxe en día apenas sen explotar como recurso turístico.

Entre os cursos que se están a desenvolver figuran os de xestores turísticos, guía turístico, elaboración de produtos artesanais, deseño de rotas turísticas, posta en funcionamento de actividades de ecoturismo, impresión de folletos e carteis da zona, elaboración dunha páxina web sobre a cultura Aonin e as súas actividades, así como as relativas a construción e mantemento das instalacións de xestión.

GaliciaAs actuacións a prol do desenvolvemento teñen un piar fundamental nas accións de formación e sensibilización da cidadanía galega. Precisamente esta tarefa, considerada prioritaria pola Administración autonómica, pretende chegar este ano, a través de dous programas, a realidade das poboacións indíxenas á sociedade en xeral para acadar unha concienciación. Nomeadamente, dirixiranse ao alumnado e profesorado da educación primaria e secundaria.

Con este obxectivo, convocouse un concurso de curtametraxes e promoveuse a recompilación de contos e informacións para a organización de máis de 35 sesións de contacontos e unha exposición de fotografías para dar a coñecer a situación na que viven as poboacións indíxenas e afianzar valores de cooperación, tolerancia e respecto á diversidade entre os cidadáns galegos.