Novas de Cooperación Galega
29/10/2006
Xeral

A XUNTA DE GALICIA PARTICIPA NA REPÚBLICA DOMINICANA NUN PROXECTO DE COOPERACIÓN CENTRADO EN DESENVOLVER UN MODELO DE PRODUCIÓN GANDEIRA SOSTIBLE

A Xunta de Galicia está a financiar na República Dominicana un proxecto da ONGD Veterinarios Sen Fronteiras que ten como finalidade introducir melloras na produción, transformación e comercialización de produtos gandeiros en sete comunidades rurais.

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, vén de visitar estes días os proxectos que se están a desenvolver con cartos galegos na República Dominicana dentro da súa viaxe institucional polo devandito país, Cuba e Haití.

O proxecto que Veterinarios sen Fronteiras está a levar a cabo na República Dominicana conta cunha achega económica do Goberno galego de 101.000 euros para o ano 2006. A través deste proxecto estanse solventando importantes problemas estruturais no eido gandeiro neste país. A súa finalidade é que a produción se realice con criterios de sustentabilidade ambiental e que a transformación e comercialización dos produtos se desenvolva con criterios sociais, é dicir, que os beneficios vaian a parar aos produtores e non aos intermediarios.

BeneficiariosAs comunidades de Boca de los Ríos, na provincia de Santiago Rodríguez, e a de Gozuela, na de Montecristi, son as beneficiarias da primeira fase do proxecto, que no vindeiro ano se estenderá a outras cinco. Ambas as zonas dedicaron os seus terreos ao monocultivo de arroz e tabaco nos últimos anos, xerando unha serie de problemas económicos e ecolóxicos que con este proxecto se pretenden reverter, transformando os solos para a produción animal.

A través das cooperativas das comunidades, trinta familias estanse a beneficiar das accións encamiñadas a mellorar as súas condicións de vida a través da capacitación para poder xestionar pequenas unidades de produción gandeira que lles permita obter unha fonte estable de ingresos. A poboación destas zonas viu como nos últimos anos a caída do prezo do tabaco empeoraba a súa situación económica sensiblemente.

Un dos problemas fundamentais aos que se enfrontan os habitantes destas comunidades é a falta de acceso a crédito para a compra de animais e para as pequenas inversións en infraestrutura gandeira. Como na maioría do país, os labregos non teñen títulos formais sobre a propiedade da terra o que lles dificulta o acceso ao sistema privado de crédito. Para solventar esta situación o proxecto pon á disposición das cooperativas un banco gandeiro, onde cada persoa recibe unha vaca tendo que devolver un pé de cría co fin de que outras familias se poidan tamén beneficiar posteriormente.

A formación de 10 promotores pecuarios, que desenvolven un papel semellante aos veterinarios, é outro dos obxectivos, de xeito que poidan resolver problemas sanitarios e dar orientacións sobre a saúde do gando.

Nunha segunda fase do proxecto e tras comprobar a viabilidade destas pequenas explotacións gandeiras, está previsto comenzar a transformación e comercialización conxunta do leite e da carne, así como a posta en marcha doutros negocios como as tendas agropecuarias.

A cooperación galega na República DominicanaAdemáis deste proxecto, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior está a participar en varios outros que teñen como finalidade mellorar as condicións de vida de centos de dominicanos. Entre estes destaca o levado a cabo pola ONGD Tu Mujer , onde máis de 1.800 familias, especialmente poboación infantil, adolescentes e mulleres en edad fértil son as beneficiarias do programa integral de actuación que se está a desenvolver en barrios marxinais de La Barquita e Puerto Rico, a escasos quilómetros da capital, Santo Domingo.

Outra das actividades que se desenvolveu con financiamento galego , en concreto con 61.000 euros, foi a formación de 250 mestres para a incorporación do enfoque de xénero á docencia en varias escolas públicas da República Dominicana a través da Fundación Intered.