Novas de Cooperación Galega
27/05/2008
Xeral

A XUNTA DE GALICIA PON EN MARCHA O MAIOR POGRAMA DA COOPERACIÓN GALEGA EN GUATEMALA

Máis de 20.000 persoas de 18 comunidades indíxenas da costa Sur de Guatemala contarán coa Cooperación Galega para se desenvolveren nos vindeiros catro anos, grazas ao primeiro dos programas que lidera a Xunta de Galicia cun caracter integral, é dicir, coa participación de todos os axentes implicados, actuando en todos os eidos do desenvolvemento, e facéndoo nun período de tempo dabondo para analizar, xestionar e avaliar axeitadamente a iniciativa, dotada con 5,7 millóns de euros.Así explicouno hoxe a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, no acto de sinatura do convenio entre o organismo e as seis ONGD galegas que executarán o programa Oxlajuj tz'ikin (“Día de Fortuna”, no calendario maya) nos concellos guatemaltecos de Retalhuleu e Champerico. Todas elas son entidades con recoñecida solvencia técnica nos diversos sectores de actuación do progragrama: Arquitectos Sen Fronteiras (ASF), Solidariedade Internacional (SI), Médicos do Mundo (MDM), Farmacéuticos Mundi (Farmamundi), Educación Sen Fronteiras (ESF) e ACSUR Las Segovias.O presidente da Demarcación Galicia de Arquitectos Sen Fronteiras, Miguel Serrano, explicou que a súa organización encargarase de deseñar as vivendas e ordenar os espazos comunitarios, mais de apoiar á capacitación dos seus habitantes nas técnicas necesarias para edificalas, fomentando un “xerme produtivo” para o progreso dun sector da construción.Solidariedade Internacional traballará na mellora das condicións hixiénico - sanitarias das mesmas comunidades, construíndo sistemas de auga potable e saneamento, e formando ao seus membros nas técnicas de mantemento das infraestruturas, segundo informou a responsable do programa na ONG, Teresa Boedo.Da mellora da atención integral en saúde, “con énfase na saúde sexual e reprodutiva”, responsabilizarase Médicos do Mundo. O seu coordinador en Galicia, Raúl Torres, adiantou que a súa organización axudará á construción e equipamento dos postos e centros de saúde, ademais de cooperar no fornecemento das capacidades do persoal comunitario e institucional de saúde.

Neste eido básico da saúde, tamén colaborará Farmamundi, implementando un sistema de abastecemento e regulación de medicamentos esenciais, que promoverá a “menciña natural” e os “tratamentos tradicionais”, segundo contou a delegada da organización en Galicia, Beatriz Villarquide.Na liña de Educativa, o Delegado en Galicia de Educación Sen Fronteiras, Francisco Vallverdú, identificou cinco eidos de actuación que recollen dende o proceso de mellora da calidade na etapa primaria, ao fortalecemento da comunidade educativa, da formación de mestres e incluso, o apoio a construción de edificios escolares en dúas comunidades concretas.A Asociación para la Cooperación con el Sur Las Segovias (ACSUR), atenderá a promoción dunha cultura de prevención de desastres, colaborando na implementación de plans de emerxencia comunitarios e municipais, especialmente necesarios nunha zona de risco como é a conca do río Samalá, segundo explicou a Coordinadora desta organización, Dolores Queiro.As seis ONGD galegas traballarán coas institucións municipais e oito organizacións sociais guatemaltecas: Asociación para la promoción y el desarrollo de la comunidad “CEIBA”; A.M.O.N. ONG; Coordinadora Nacional Indígena y Campesina (CONIC); Colectivo Poder y Desarrollo Local (CPDL); Asociación para la promoción y el desarrollo de la comunidad Fundación INCIDE; Asociación Pro Agua del Pueblo (ADP); Asociación Servicios Comunitarios de Salud  ASECSA y Proyecto de Desarrollo Santiago (PRODESSA).O labor de todas elas será coordinado por dúas responsables da Cooperación Galega: Ana Amaro, en Guatemala, e Sonia Fernández, en Galicia, que encargaranse de que o programa se axuste a un dos obxectivos primordiais da Xunta de Galicia: contribuír “non xa tanto con proxectos, coma con procesos de desenvolvemento”, como afirmou a directora xeral, Fabiola Sotelo.