A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, mobiliza axuda para Perú
A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, mobilizará unha primeira axuda por un valor de 75.000 euros destinada á poboación afectada polo terremoto sufrido no Perú. Así o acordaron esta mañá na reunión de coordinación celebrada en Madrid que estivo presidida pola secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Leire Pajín, de cara a coordinar a resposta de emerxencia do Estado español ao Perú.Na mesma estiveron presentes, ademais de representantes da Dirección Xeral de Cooperación Exterior do Goberno galego, representantes da Axencia Española de Cooperación Internacional, de diferentes ministerios do Estado, así como representantes doutras comunidades autónomas e ONGD de axuda humanitaria.Así, a Xunta de Galicia decidiu realizar un aporte de 75.000 euros que se destinará a material de primeiro albergue como mantas, tendas de campaña e toda a infraestrutura necesaria para que a poboación afectada non esté á intemperie. Trátase de axuda básica de emerxencia que a Dirección Xeral de Cooperación Exterior vai mobilizar a través da Cruz Vermella, entidade especializada neste tipo de achegas.Parte deste material partirá esta noite do aeroporto de Baraxas en Madrid xunto co resto de axuda humanitaria española. Esta partida inclúe recursos humanos e carga, material médico e de saúde, así como de rescate para dar cobertura ás necesidades máis inminentes das zonas afectadas pola catástrofe. Esta resposta humanitaria por parte de España responde a unha das principais necesidades expresadas polas autoridades peruanas.
País prioritario para a cooperación galegaA Dirección Xeral de Cooperación Exterior ten establecido dende o comezo da súa actividade un estreito vínculo de cooperación co país andino. Así, o departamento que dirixe Fabiola Sotelo defíneo como o país prioritario no Plan Director da Cooperación Galega e, polo tanto, na selección dos seus proxectos. Neste sentido, a partir de agora, a Dirección Xeral de Cooperación priorizará nas futuras convocatorias aqueles proxectos que se levan a cabo no Perú relacionados coa reconstrución das zonas afectadas polo desastre, principalmente provincias de Lima, Ica e Huancavelica.