Novas de Cooperación Galega
09/09/2024
Xeral

A Xunta debate o borrador dun real decreto sobre axudas de cooperación internacional

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na reunión da Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento

 

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2024.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou hoxe na reunión da Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento, cuxo principal obxecto foi debater sobre o borrador do Real Decreto de Axudas e Subvencións no ámbito da Cooperación para o Desenvolvemento Sostible e a Solidariedade Global.

O texto substituirá ao Real Decreto 794/2010, do 16 de xuño, polo que se regulan as subvencións e axudas no ámbito da cooperación internacional e constitúe unha proposta de reforma da normativa de subvencións para adaptala ás peculiaridades no ámbito da cooperación para o desenvolvemento. Ademais esta regulación resulta coherente co que se recolle coa  Lei reguladora da Acción Exterior e da Cooperación para o Desenvolvemento de Galicia.

Na reunión aproveitouse tamén para informar sobre o avance do desenvolvemento normativo derivado da Lei 1/2023, do 20 de febreiro, de Cooperación para o Desenvolvemento Sostible e a Solidariedade Global e a próxima celebración en Sevilla da IV Conferencia de Financiamento para o Desenvolvemento.

Por último, as comunidades autónomas asistentes acordaron formar parte dos dous grupos de traballo, un de seguimento de Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) e a Metodoloxía de Seguimento de AOD e outros Fluxos Oficiais de Desenvolvemento Sostible (TOSSD) e outro de Boas Prácticas, respecto dos que se solicitou a participación.

Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento

A Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento é o órgano consultivo e de coordinación, concertación e colaboración entre as administracións públicas que levan a cabo accións de cooperación para o desenvolvemento. Forman parte dela representantes de diferentes departamentos da Administración Xeral do Estado, das comunidades autónomas e dos entes locais.