Novas de Cooperación Galega
21/02/2019
Xeral

A Xunta destaca a importancia da actuación das comunidades autónomas na cooperación internacional para o desenvolvemento

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo participa en Palma no “XII Encontro de Comunidades Autónomas e cooperación para o desenvolvemento”
  • Jesús Gamallo resaltou o aliñamento da cooperación galega co cumprimento dos ODS

 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participa xunto con representantes das Comunidades Autónomas e da Administración Xeral do Estado, no XII Encontro de Comunidades Autónomas e Cooperación para ao Desenvolvemento, que este ano se celebra en Palma hoxe e mañá, organizado polo Goberno das Illas Baleares.

Os representantes das comunidades autónomas debateron sobre os retos de futuro da cooperación descentralizada, buscando reforzar o seu valor diferencial, e sobre a necesidade de avanzar nos procesos de coordinación entre os diferentes niveis de administración para dar cumprimento á Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible, que define o marco global para a promoción do desenvolvemento dos próximos anos.

Jesús Gamallo incidiu na súa intervención no compromiso de Galicia na coordinación coa AECID e coas comunidades autónomas no eido da acción humanitaria, demostrado a través da subscrición do novo Convenio entre a Cooperación Descentralizada e a AECID para a acción conxunta e coordinada da Acción Humanitaria asinado en outubro de 2018.

Do mesmo xeito, Gamallo puxo en valor o IV Plan director da cooperación galega 2018-2021, que xa se encontra no segundo ano de execución, tanto polo seu aliñamento coa Axenda 2030 de desenvolvemento sostible das Nacións Unidas, como polo reforzamento da identidade singular, as vantaxes comparativas, como polo valor engadido da cooperación galega, tanto a nivel xeográfico, cunha atención específica aos países africanos de lingua oficial portuguesa, como a nivel sectorial coa definición de cinco ámbitos estratéxicos de especialización.

Ao longo destes dous días, entre outros temas de interese común, trátase dos retos da cooperación descentralizada a medio prazo desde diferentes perspectivas, a colaboración cos distintos axentes de cooperación, como as ONGD, ou a incorporación de novas modalidades de axuda no marco da acción humanitaria. As anteriores edicións destes Encontros foron organizadas polas Comunidades Autónomas de Aragón, Estremadura, Navarra, País Vasco, Cataluña, Castela A Mancha, Madrid, Andalucía e Valencia, sendo Galicia a Comunidade organizadora no ano 2016.