Novas de Cooperación Galega
05/04/2007
Xeral

A XUNTA DESTINA 950.000 EUROS A PROXECTOS DE COOPERACIÓN QUE INCIDEN NA MELLORA DAS CONDICIÓNS SANITARIAS DAS POBOACIÓNS MÁIS DESFAVORECIDAS

A Xunta está a destinar a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior 950.000 euros a proxectos de cooperación que inciden na mellora das condicións sanitarias da poboación máis desfavorecida. En concreto estanse a apoiar 9 proxectos en Mozambique, Cuba, Bolivia, Tanzania, Guatemala e Ecuador, así como un proxecto de sensibilización que pretende dar a coñecer á sociedade galega a situación na que se encontran a nivel sanitario os países en vías de desenvolvemento e a súa capacidade para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.

Reforzar as capacidades clínicas dos centros hospitalarios coa mellora do seu equipamento e coa formación do seu persoal, facilitar o acceso aos medicamentos para enfermidades como a do VIH, ou favorecer o acceso á atención primaria coa creación de postos de saúde e de redes comunitarias de atención básica, son parte das actividades que se están a desenvolver no marco destes nove proxectos subvencionados polo goberno galego.

Reforzamento das capacidades hospitalariasEntre os proxectos que a Dirección Xeral de Cooperación Exterior está a financiar en África encóntrase o do hospital Carmelo de Chokwé, en Mozambique. A través deste programa estase a reforzar a capacidade clínica do centro, permitindo o fortalecemento dos servizos que presta en materia de atención clínica e socio- familiar aos enfermos de SIDA. O proxecto contribúe a que a poboación da zona afectada por esta enfermidade, reciba unha atención de calidade ao apoiar a formación do persoal do hospital, a manutención do laboratorio e o abastecemento de medicamentos básicos para levar a cabo os servizos de internamento, hospital de día e coidados a domicilio.

Tamén en Mozambique o goberno galego está a financiar a ampliación da capacidade do centro de saúde de Pola do Caniço, de xeito que ao finalizar o proxecto poida ofrecer todos os coidados hospitalarios á poboación da zona, aproximadamente uns 400.000 habitantes. A formación é un dos eixes principais deste proxecto que forma a médicos especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria, seguindo un programa elaborado polo Ministerio de Saúde mozambicano.

Bolivia é outro dos países onde se están a desenvolver accións encamiñadas a mellorar a atención sanitaria, en concreto na poboación de Santa Cruz de la Sierra estase a financiar con 37.000 euros a dotación do laboratorio do hospital 1º de Mayo na área de Química Sanguínea. Deste xeito preténdese facelo máis operativo para o número cada vez maior de pacientes aos que atende, na súa maioría carentes de recursos para atender as súas necesidades de saúde.

Mellora da saúde comunitariaContribuír ao desenvolvemento das capacidades da poboación rural nicaragüense para diminuír a súa vulnerabilidade, é o obxectivo do programa que Manos Unidas está a desenvolver no país centroamericano co apoio da Dirección Xeral de Cooperación Exterior.  15 comunidades dos municipios de Villa El Carmen, Ciudad Darío y Tipitapa son as beneficiarias do programa, co que se pretende mellorar o acceso a atención primaria mediante a formación de 75 membros de redes de saúde comunitaria, de xeito que poidan incidir na diminución das taxas de mortalidade destas comunidades.

Case 5.000 persoas se están a beneficiar deste programa que entre outras accións, está realizar máis de 600 consultas xinecolóxicas, pondo en funcionamento 3 ventás sociais de medicamentos e construíndo 135 letrinas.

Día mundial da saúdeMañá celébrase en todo o mundo o Día Mundial da Saúde como data conmemorativa da fundación da Organización Mundial da Saúde (OMS). O seu obxectivo é fomentar a toma da conciencia sobre aspectos relevantes da saúde mundial. Cada ano a OMS selecciona un tema novo que resalta  aspectos da saúde pública, organizando unha serie de actividades e eventos para reflexionar sobre as carencias, as necesidades e os avances acadados na materia. Nesta ocasión o tema elixido é a seguridade sanitaria internacional, instando desde a organización aos gobernos, as institucións e as empresas a “Investir en saúde para forxar un porvir máis seguro”.

Debido á  importancia e a necesidade de que todos os países traballen en previr, axudar, conservar ou restituír a saúde, Nacións Unidas creou en 1945 a Organización Mundial de la Saúde (OMS),para traballar  na mellora da saúde física e mental, tendo a súa sede en Xenebra.