A XUNTA DESTINA MÁIS DE 170.000 EUROS A ACTUACIÓNS QUE TEÑEN COMO BENEFICIARIO PRINCIPAL AO POBO SAHARAUÍ
A Xunta de Galicia dedica en 2006 máis de 170.000 euros a actuacións que teñen como beneficiario principal o pobo saharauí. Varios departamentos do Goberno galego, entre eles a Dirección Xeral de Cooperación Exterior, a Secretaría Xeral de Igualdade e a Consellería de Vivenda, están a participar en proxectos cos que dende a Xunta se pretende contribuír a mellora da situación dos campamentos de refuxiados saharauís en Alxeria, como así o manifestou a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo.
Sotelo realizou estas declaracións na inauguración da exposición “Afogados no deserto” do fotógrafo ferrolán Gabriel Tizón, onde se amosa a vida diaria nos campamentos de refuxiados saharauís. A directora xeral aludiu ao compromiso do Goberno galego con todas aquelas accións encamiñadas a buscar unha solución política “xusta e duradeira” para este conflito e que inclúa, como se recolle nas resolucións 1675 e 1720 das Nacións Unidas, “ o exercicio de autodeterminación do pobo saharauí”.
Remarcou tamén que o Plan Director da Cooperación Galega considera “prioritaria” a axuda á poboación dos campamentos saharauís e que dende Galicia se está a facer todo o posible para que “mellorar a situación nos campamentos que se atopan permanentemente ao borde da crise humanitaria”.
Facilitar o acceso á augaEntre os proxectos financiados está o denominado Aqua Sahara que están a desenvolver a Universidade de Santiago de Compostela, a ONGD Enxeñeiros sen Fronteiras en colaboración coa Dirección Xeral de Cooperación Exterior. Este programa, realizado en Tindouf (Alxeria) está a permitir a transferencia de tecnoloxías relacionadas coa extracción dos recursos hídricos subterráneos, única fonte dispoñible de auga na zona para os milleiros de habitantes dos campamentos. Nos dous últimos anos este programa recibiu do Goberno galego máis de 120.000 euros.
Tamén se levaron a cabo accións encamiñadas a paliar a grave situación provocada tralas inundacións de febreiro de 2006 en Tindouf. A Axencia Humanitaria de Galicia e a Dirección Xeral de Cooperación Exterior achegaron un total de 36.000 euros para abastecer de menciñas e alimentos a poboación dos campamentos de refuxiados.
Afogados no desertoEsta mostra, organizada pola coordinadora galega de ONGD´s e financiada pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior e a Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda do Goberno galego pretende achegar a realidade deste pobo á cidadanía galega. Trátase dunha iniciativa itinerante que a partir de hoxe e ata o vindeiro 31 de decembro permanecerá no local da Obra Social de Caixa Galicia (na rúa Carreira do Conde). Posteriormente poderá ser visitada no Forum Metropolitano da Coruña entre o día 2 e o día 16 de xaneiro de 2007.
A exposición está estruturada en dúas partes. Por unha banda, unha serie de fotografías tomadas en diferentes campamentos que foron afectados polas inundacións de principios de ano, e por outra un grupo de imaxes realizadas nos territorios liberados de Tifariti, que amosan o orgullo do pobo saharauí o día de conmemoración do 30 aniversario da formación do Fronte Polisario, partido que goberna a República Árabe Saharauí Democrática (RASD) desde o seu nacemento.
Gabriel TizónO fotógrafo Gabriel Tizón naceu en Ferrol en 1973 e iniciou a súa andadura profesional no xornal El Correo Gallego. Ao longo destes anos traballou para diversos xornais e axencias de información tanto de ámbito galego coma español ou internacional. Así mesmo ten realizado máis dun cento de exposicións individuais e colectivas en distintos países.