Novas de Cooperación Galega
14/03/2007
Xeral

A XUNTA DESTINARÁ ESTE BIENIO 300.000 EUROS A FORTALECER E CONSOLIDAR AS ORGANIZACIÓNS NON GOBERNAMENTAIS GALEGAS

A Xunta de Galicia destinará en 2007 e 2008 un total de 300.000 euros a financiar subvencións para consolidación e fortalecemento das organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento con domicilio social en Galicia. O Consello da Xunta acordou esta mañá autorizar o gasto que servirá para financiar estas axudas convocadas pola Secretaría Xeral de Relacións Exteriores do Goberno galego que pretenden dar un pulo ao tecido asociativo para o desenvolvemento na nosa comunidade autónoma.

Estas subvencións teñen como finalidade potenciar os axentes de cooperación para crear unha rede solidaria na sociedade galega, así como impulsar e promover a participación social e cidadá nas accións a prol do desenvolvemento. Entre estes axentes, a Lei de cooperación concédelles unha especial relevancia ás ONGD, que se constitúen como interlocutores permanentes da Xunta de Galicia.

O Goberno galego marca como obxectivo que todas as fases do ciclo da cooperación (identificación de proxectos, a súa formulación, a súa xestión e promoción de actividades propias) poidan desenvolverse en Galicia coa máxima garantía e eficacia de calidade.

Por iso, esta convocatoria prevé contribuír á formación técnica do persoal, socios e voluntarios das ONGD´s, mediante o financiamento de seminarios, obradoiros e cursos e os gastos de material didáctico consumible e os honorarios e as axudas de custo do profesorado. Primarase a formación arredor da mellora da xestión das ONGD, sobre os diferentes aspectos técnicos das fases dun proxecto de desenvolvemento e verbo de técnicas de comunicación externa ou de relación cos medios de comunicación.

Así mesmo, terase especialmente en conta o deseño e a realización de campañas e actividades de sensibilización, educación para o desenvolvemento, comercio xusto, consumo responsable e incidencia social, e valoraranse especialmente as estratexias que recollan a realización de actuacións no medio rural.

Nesta convocatoria de axudas incluirase un apartado específico para entidades con enderezo social en Galicia. Estas poderán solicitar subvencións para o fortalecemento das áreas de cooperación e as referidas á comunicación e o comercio xusto, incluíndo tamén o deseño ou contratación externa de campañas de captación de socios e voluntarios e estudos de viabilidade, fortalecemento da organización, mellora de calidade e realización de plans estratéxicos.

Bases da convocatoria

A concesión destas axudas para os anos 2007 e 2008 estará rexida polos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade. Con esta finalidade, establécese nas bases reguladoras destas subvencións que as entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación ao Desenvolvemento, carecer de ánimo de lucro, ter o seu domicilio social en Galicia, ter xustificadas as axudas recibidas por parte da Xunta para outros proxectos, non estar inhabilitadas para obter axudas e estar ao día das súas obrigas tributarias. Así mesmo, serán financiados preferentemente os proxectos presentados por consorcios de varias ONGD.

A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 90% do valor do proxecto presentado. En ningún caso a subvención concedida a proxectos presentados por unha soa organización superará os 25.000 euros para entidades con enderezo social en Galicia e 18.000 euros para aquelas con delegacións permanentes na nosa comunidade. Nos proxectos presentados por varias entidades agrupadas, a cantidade concedida pola Administración galega non superará o límite de 40.000 euros.

As solicitudes deberán dirixirse ao secretario xeral de Relacións Exteriores no prazo dun mes logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Fortalecemento das ONGD, prioritario da política de cooperación

O fortalecemento das organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento é unha das prioridades marcadas polo Goberno galego para esta lexislatura e así se recolle na Lei 3/2003, de cooperación para o desenvolvemento, que destaca especialmente, entre outros axentes, as organizacións non gobernamentais, interlocutores permanentes das administracións con accións de cooperación, entre elas, a Xunta de Galicia.

Trátase de potenciar as capacidades dos axentes de cooperación ao desenvolvemento de Galicia para crear unha rede de solidariedade na sociedade galega, así como impulsar e promover a participación social e cidadá nas accións a prol da erradicación da pobreza no mundo. A cooperación internacional levada a cabo pola Xunta de Galicia está a experimentar unha evolución positiva nos últimos anos, tanto no relativo aos medios e instrumentos financeiros como á extensión da cobertura xeográfica que abrangue, prestando unha especial atención á cooperación que se realiza cos países latinoamericanos.