Novas de Cooperación Galega
19/01/2022
Xeral

A Xunta destinou en tres anos máis dun millón de euros a combater a violencia de xénero fóra das fronteiras españolas, no ámbito da cooperación internacional

  • A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou onte que no último ano se desenvolveron, no marco dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero actuacións na República Democrática do Congo, Uganda e Palestina.
  • Lorenzana sinalou o traballo de entidades como Acnur, Unicef e UNRWA coa poboación refuxiada en territorios hostís para as mulleres.

 

A Xunta de Galicia vén de destinar nos últimos tres anos máis dun millón de euros contra a violencia de xénero no marco da cooperación internacional para loitar, tamén fóra das fronteiras españolas, contra a violencia sexual, a violencia de xénero, o matrimonio infantil, a discriminación ou a violencia económica e psicolóxica, entre outras lacras.  A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, fixeron onte balance dos proxectos activados por ambos os dous departamentos neste tempo dentro das actuacións desenvolvidas en Galicia do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Así, nos 2019, 2020 e 2021, a Consellería de Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, transferiu á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea un total de 1.004.000 euros para a financiación de proxectos que permitiron dar resposta a diferentes necesidades en Uganda, O Líbano, Bangladesh, Kenia, O Salvador, Honduras, Guatemala, México, Níxer, República Democrática do Congo e Palestina.

Lorenzana destacou o alcance destas actuacións de “gran transcendencia e impacto nas persoas, as verdadeiras beneficiarias”. “A violencia de xénero é unha lacra universal, non entende de fronteiras, pero hai países onde é especialmente perigoso ser muller”, engadiu. A Xunta defende a importancia de que a cooperación internacional integre a perspectiva de xénero en cada unha das súas iniciativas e programas, ademais de traballar sobre o terreo con proxectos que permiten mellorar a condición das mulleres e das nenas e acabar coas situacións de violencia.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea destacou que o IV Plan Director da Cooperación Galega, do mesmo xeito que nos tres anteriores, identifícanse como ámbitos estratéxicos de actuación a acción humanitaria, a igualdade de xénero e o empoderamento da muller e, por iso, prevese o apoio á acción humanitaria mediante ONGD e entidades vinculadas a organismos internacionais que traballan neste ámbito nos países afectados.

Galicia está a traballar para dar cumprimento a cada unha das 292 medidas recolleitas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Dúas delas, a 36 e a 37 animan ás comunidades a promover que no marco da cooperación internacional se destinen recursos para activar medidas específicas contra a violencia machista dentro dos protocolos de actuación en campos de refuxiadas e refuxiadas para estas persoas, en tanto que se atopen en tránsito como en destino. A comunidade é ademais pioneira, na posta en marcha e mantemento desde o ano 2019 deste tipo de medidas.

Jesús Gamallo agradeceu a participación doutras organizacións que, ademais das representadas na reunión, colaboraron no primeiro ano na implementación de proxectos dun xeito máis puntual como foron: Médicos del Mundo, Farmacéuticos Mundi, Entreculturas Fe y Alegría, Fundación Educación y Cooperación (EDUCO), Asociación AIDA, Ayuda, Intercambio y Desarrollo e Asamblea de Cooperación Por la Paz (ACPP).

 

Últimos convenios

O Comité Español do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur), a Asociación Comité Español da Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados Palestinos (UNRWA) e Unicef estiveron representadas no acto como destinatarias dos fondos (252.000 euros, 84.000 para cada unha) do último acordo de colaboración entre a Consellería de Emprego e Igualdade e a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo no ano 2021.

Grazas a este marco de colaboración, Acnur continuou co programa Loita contra a violencia sexual e a discriminación socio-económica das mulleres na República Democrática do Congo; Unicef desenvolveu a iniciativa Servizos integrados de prevención e resposta á violencia de xénero e protección infantil para nenas e nenos refuxiados en Uganda; e UNRWA dirixiu a actuación Combatendo a violencia machista nos campos de poboación refuxiada de Palestina na Franxa de Gaza: protección e atención ás mulleres superviventes de violencia de xénero.

Con estas iniciativas, impúlsase o liderado social das mulleres refuxiadas centroafricanas na provincia congolesa de Nord-Ubangui e se está a mellorar o entorno de protección da infancia e poboacións de acollida nun dos asentamentos de refuxiados máis grande de Uganda, Bidibidi. Tamén estase a garantir o dereito das mulleres refuxiadas de Palestina, na Franxa de Gaza, á liberdade, á seguridade e a vida, libres de violencia machista.