Novas de Cooperación Galega
22/11/2006
Xeral

A XUNTA E A AECI DESTINAN ESTE BIENIO 2,1 MILLÓNS DE EUROS Á REALIZACIÓN CONXUNTA DE PROXECTOS DE COOPERACIÓN EN 11 PAÍSES DO TERCEIRO MUNDO

A Xunta de Galicia e a Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) dedicarán ao longo de 2006 e 2007 un total de 2.170.772 euros á realización de once proxectos en once países do terceiro mundo. Así se establece no Plan Operativo para 2006-2007 entre ambas institucións, que o Goberno galego autorizou a subscribir esta mañá.

Segundo o texto do Plan, a Xunta de Galicia e a Axencia Española de Cooperación Internacional traballarán conxuntamente ao longo deste bienio para desenvolver 11 proxectos centrados no coidado ambiental e, fundamentalmente, ao desenvolvemento do sector pesqueiro en Bolivia, Cabo Verde, Ecuador, Guatemala, Guinea Bissau, Honduras, Mozambique, Nicaragua, O Salvador, Perú e Senegal. Para a súa posta en marcha, o Goberno galego, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, achegará 773.532 euros ao longo de 2006 e 2007.

Neste marco, actuarase en Senegal nun programa de Apoio á xestión de residuos domésticos e das augas do departamento de Foundiougne e das illas de Sine Saloum para contribuír a mellora da salubridade destas poboacións. Trátase de loitar contra a proliferación de enfermidades como o paludismo e a cólera, endémicas nesta zona que conta con preto de 30.000 habitantes que viven fundamentalmente da pesca e da agricultura. Esta iniciativa contará cunha achega de 50.000 euros por parte do Goberno galego e de 174.000 euros por parte da AECI, que tamén realizará labores de seguimento e control do proxecto.

En Bolivia, actuarase para a preservación do Bosque Seco Chiquitano, en Santa Cruz, priorizando a conservación da biodiversidade mediante a reforestación con especies autóctonas e potenciando as actividades de transformación da madeira como a carpintería e a artesanía, por ser as que maior valor económico poden achegar á economía local. En total, destinaranse 215.000 euros para este proxecto.

Outra das actuacións acordadas é a consolidación do centro de formación pesqueira de Bolama, en Guinea Bissau, capacitando aos formadores e contribuíndo á dotación do centro no que se imparten as clases. A AECI e a Xunta destinarán 420.000 euros para este programa.

Así mesmo, porase en marcha un plan de apoio ás actividades de procesamento da pesca artesanal na illa de San Cristobal e para a elaboración dun plan de desenvolvemento sostible para a provincia de Galápagos, na República do Ecuador, por valor de 75.000 euros.

No Salvador, actuarase para fortalecer o sector dos pescadores artesanais da rexión oriental, no marco do Programa de Apoio ao subsector pesqueiro artesanal na Rexión do Golfo de Fonseca e de proxecto de Apoio á xestión integral de Manglares e Humidades costeiros da AECI.

Tamén no eido da pesca, colaborarase na construción das infraestruturas dun mercado central en Tegucigalpa (Nicaragua), un plan piloto para o manexo sostible dos recursos bentónicos en Perú, unha actividade de formación, diagnóstico e dotación de equipamento en vixilancia e inspección pesqueira en Cabo Verde, así como un programa de apoio ao Ministerio de Pesca de Mozambique.

Unidade de acción exteriorEste convenio enmárcase dentro do principio de unidade de acción do Goberno español no exterior, incluíndo a participación das Comunidades Autónomas nos seus programas de actuación. Neste caso, a Comunidade galega conta cunha ampla experiencia en pesca e medio ambiente e aposta polas actuacións para combater a pobreza e promover o dereito ao desenvolvemento integral dos países do terceiro mundo.

Así mesmo, acordase continuar coa colaboración para que catro bolseiros da Xunta de Galicia se integren nas Oficinas Técnicas de Cooperación (OTC) que son unidades adscritas organicamente ás embaixadas e que colaboran coa AECI e no desenvolvemento dos seus proxectos.