Novas de Cooperación Galega
03/10/2018
Xeral

Xunta e AECID renovan a colaboración para levar a cabo accións conxuntas en materia de acción humanitaria

  • Ao abeiro deste convenio financiaranse intervencións no ámbito da prevención, a emerxencia, atención a crises crónicas, rehabilitación e recuperación temperá, así como de protección en favor das vítimas
  • Trátase dun convenio multilateral asinado tamén polas Comunidades Autónomas de Asturias, Cantabria, A Rioxa, Murcia, Valencia, Canarias, Baleares, Castela-León e Madrid e a FEMP
  • Galicia desempeñará a presidencia da Comisión de coordinación e seguimento deste convenio durante o seu primeiro semestre de vixencia

 

A Xunta renova a colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) para levar a cabo actuacións conxuntas e coordinadas en materia de acción humanitaria. Trátase dun convenio multilateral asinado tamén polas Comunidades Autónomas de Asturias, Cantabria, A Rioxa, Murcia, Valencia, Canarias, Baleares, Castela-León e Madrid e a Federación Española de Municipios e Provincias.

O convenio hoxe asinado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, ten como finalidade regular a coordinación entre AECID e as comunidades autónomas asinantes, en materia de acción humanitaria, así como o establecemento das finalidades e os compromisos financeiros asumidos polas mesmas para a consecución dos obxectivos do convenio.

Galicia desempeñará a presidencia da Comisión de coordinación e seguimento deste convenio durante o seu primeiro semestre de vixencia.

Neste novo convenio, a AECID adquire o compromiso de destinar anualmente 1 millón de euros e cada unha das comunidades autónomas 50.000 euros. Como novidade inclúese a reserva dunha porcentaxe de polo menos un 30% para un Fondo de Continxencia que será obxecto de activación ante unha emerxencia sobrevinda.

 

Sectores de intervención

Ao abeiro deste convenio financiaranse intervencións no ámbito da prevención, a emerxencia, atención a crises crónicas, rehabilitación e recuperación temperá, así como de protección en favor das vítimas.

Os sectores prioritarios nos que se centrarán as intervencións serán: protección, seguridade alimentaria e nutrición, auga, saneamento e hixiene e saúde, podendo igualmente contemplarse o financiamento de intervencións noutros sectores, tales como educación en emerxencias ou acubillo.

As intervencións virán establecidas polos chamamentos humanitarios internacionais emitidos polas Nacións Unidas e o Movemento Internacional da Cruz Vermella.