Novas de Cooperación Galega
22/06/2020
Xeral

A Xunta e Anfaco-Cecopesca colaborarán no desenvolvemento da acuicultura e a pesca artesanal en Perú

  • A actuación está destinada a reforzar a competitividade deste sector na Baía de Sechura para contribuír ao desenvolvemento económico e social desta comunidade costeira
  • Perú é un país prioritario para a Cooperación Galega, tal e como se recolle nos distintos plans de cooperación que se foron elaborando nos últimos anos

 

A Xunta vén de asinar con Anfaco-Cecopesca o convenio para levar a cabo un proxecto de cooperación relacionado co desenvolvemento do sector acuícola e pesqueiro artesanal en Perú.

Trátase da iniciativa Incrementar a competitividade do sector da pesca artesanal e acuicultura na Baía de Sechura a través do fortalecemento institucional e organizacional, a adopción de tecnoloxías e a sustentabilidade ambiental, que conta cun investimento de preto de 150.000 euros e que se desenvolverá este ano e ao longo de 2021.

Esta iniciativa encádrase no Acordo Marco de colaboración asinado no 2019 entre a Xunta de Galicia e a Fundación Cetmar, a Fundación Ayuda en Acción e Anfaco-Cecopesca para a posta en marcha dunha iniciativa de desenvolvemento do sector acuícola e pesqueiro artesanal na Baía de Sechura, en Perú.

O proxecto ten por obxectivo apoiar a acuicultura artesanal e contribuír así ao desenvolvemento económico e social das comunidades costeiras de dita zona, incrementando a competitividade do sector a través do fortalecemento institucional e organizacional, a transferencia tecnolóxica e a sustentabilidade ambiental.

Anfaco-Cecopesca realizou o ano pasado, en desenvolvemento desta iniciativa, accións de melloras tecnolóxicas na cadea produtiva de concha de abanico na Baía de Sechura e xestión de residuos, das que se pretende que teñan continuidade para a súa implantación.

No ano 2015 tivo lugar a sinatura dun Memorando de Entendemento Marco de Cooperación entre o Ministerio da Produción da República do Perú e a Xunta, para colaborar na posta en marcha de proxectos e iniciativas de cooperación técnica, científica, tecnolóxica e de xestión, que deriven na mellora da xestión, produción e comercialización dos produtos pesqueiros e acuícolas, e que incrementen o desenvolvemento das poboacións costeiras, mediante a explotación racional e sostible dos recursos hidrobiolóxicos.

Perú é un país prioritario para a Cooperación Galega, tal e como se recolle nos distintos plans de cooperación que se foron elaborando nos últimos anos. Ademais, Anfaco-Cecopesca ten realizado na zona varias actuacións nos últimos anos e conta con capacidade para executar as accións da iniciativa recollida no convenio.