Novas de Cooperación Galega
26/10/2017
Xeral

A Xunta e a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) analizan en Santiago novos ámbitos de actuación conxunta

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, mantivo esta mañá unha reunión co director da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), Luis Tejada, co obxectivo fundamental de analizar a cooperación para o desenvolvemento desde a óptica das comunidades autónomas e explorar novas formas de actuación conxunta, en aras de acadar unha maior coordinación entre ambas administracións.

“No eido da cooperación para o desenvolvemento o importante é a eficacia das actuacións e a eficiencia na utilización dos recursos, de aí que sexa esencial analizar ámbitos de colaboración baseados na nosa propia experiencia e capacidade técnica”, sinalou o director xeral.

A Xunta mantén unha estreita colaboración coa AECID, reforzada desde o ano  2013 coa sinatura dun Convenio Marco de cooperación entre a Secretaría Xeral de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento do MAEC e a Comunidade Autónoma de Galicia, para a articulación, coordinación e complementariedade en materia de cooperación descentralizada.

Ao abeiro deste convenio marco, a Xunta de Galicia, a AECID e outras comunidades autónomas asinaron no ano 2015 un convenio de colaboración específico para a programación conxunta da acción humanitaria que, ao longo destes tres anos, permitiu dar unha resposta rápida e eficaz a diferentes crises, mobilizando un total de 3.750.000 €,  dos que 150.000 € foron aportados pola Xunta de Galicia.