Novas de Cooperación Galega
18/12/2017
Xeral

Xunta e Farmamundi colaboran na atención nutricional e sanitaria á poboación dos campos de refuxiados de Siria

  • O Goberno galego colabora desde 2009 coa ONGD para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes naturais e humanas
  • Destinaranse 10.217 euros co obxecto de prestar asistencia nutricional e sanitaria a 2000 persoas
  • Terán prioridade as persoas maiores, feridos, mulleres embarazadas ou en período de lactación e nenos e nenas de 0 a 36 meses

 

A Xunta, en colaboración coa ONGD Farmamundi, activou unha resposta de emerxencia para atender á poboación dos campos de refuxiados de Al Yarmouk e Khan Eshieh, en Siria. O custo da intervención é de 10.217 euros e ten por obxecto prestar asistencia nutricional e sanitaria a 2000 persoas, priorizando a persoas maiores, feridos, mulleres embarazadas ou en período de lactación, nenos e nenas de 0 a 36 meses e menores non acompañados, durante 3 meses.

A Xunta de Galicia porá en marcha o presente operativo en colaboración con Farmamundi e Jafra Foundation for Relief and Youth Development. As actividades previstas céntranse na provisión de kits de primeira asistencia (pastillas potabilizadoras, complexos vitamínicos e medicamentos esenciais adaptados ao perfil epidemiolóxico da poboación), que serán distribuídos nos hospitais e centros de saúde do campo. Ademais, contémplase tamén a adquisición e distribución de 110 cestas nutricionais, incluíndo leite infantil.

O obxecto destes convenios é o de realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

O convenio de colaboración actívase cada vez que acontece unha emerxencia, previa negociación e solicitude por parte de Farmamundi. A activación destes convenios nos anos anteriores permitiu dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e o sistema das Nacións Unidas a diferentes emerxencias acaecidas, entre elas os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e República Democrática do Congo, as emerxencias por causa da choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria.