Xunta e Farmamundi colaboran na atención á poboación afectada polos últimos furacáns na República Dominicana
- O Goberno galego colabora desde 2009 coa ONGD para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes naturais e humanas
- Destinaranse 14.634 euros para prestar asistencia socio-sanitaria
- Terán prioridade os menores de 5 anos, embarazadas, lactantes, maiores, enfermos crónicos e persoas con diversidade funcional
A Xunta, en colaboración coa ONGD Farmamundi, activou unha resposta de emerxencia para atender á poboación da República Dominicana afectada polos furacáns Irma e María. O custo da intervención é de 14.634 euros e ten por obxecto prestar asistencia socio-sanitaria, priorizando aos menores de 5 anos, mulleres, embarazadas, lactantes, maiores, enfermos crónicos e persoas con diversidade funcional.
O 5 de setembro o furacán Irma, de categoría 5 na escala Saffir-Simpson e con récord de velocidade do vento no Atlántico, afectou a varias illas do Caribe. Dúas semanas despois, outro furacán de categoría 5, María, veu a agravar a situación de devastación nas illas caribeñas en xeral e na República Dominicana en particular. Os altos índices de pobreza, a precariedade das condicións de habitabilidade e a mala calidade dos materiais de construción, entre outros, son factores que contribúen a agravar os danos ocasionados polas fortes chuvias e os ventos que teñen destruído, total ou parcialmente, as infraestruturas, vivendas e medios de vida.
Nas primeiras avaliacións rápidas realizadas en terreo polo equipo do socio local, o Movemento socio cultural para os traballadores haitianos, MOSCTHA, definiron coma prioritario o restablecemento de auga potable, xa que está a proliferar o consumo de auga non segura, aumentando o risco para a saúde da poboación. A situación hixiénico sanitaria tamén se está vendo comprometida e con isto, a proliferación de vectores de enfermidades infecto-contaxiosas, sendo necesario garantir o acceso a material hixiénico, desinfectante e auga potable. Por outro lado, ao verse afectados os medios de vida, ten aumentado a inseguridade alimentaria e con ela o aumento na incidencia de malnutrición, fundamentalmente en nenos e nenas menores de 5 anos e mulleres embarazadas e lactantes.
A acción deseñada configúrase como unha intervención de resposta inmediata dirixida a paliar as consecuencias máis urxentes do desastre e se articula en torno a dous eixos de intervención enfocados a aumentar a capacidade de resiliencia en saúde para previr enfermidades. Así, articularanse 3 dispositivos móbiles sanitarios para garantir o aceso da poboación afectada á saúde, superando as barreiras xeográficas e económicas de aceso á atención sanitaria de urxencia, e distribuiranse Food Items e artigos Non Food Items (acubillo e protección).
Preténdese alcanzar directamente 400 unidades de convivencia, unhas 1.600 persoas, para o que se realizará un proceso de selección atendendo a criterios obxectivos de vulnerabilidade, priorizando aquelas unidades de convivencia con maior presenza de menores de 5 anos, mulleres, embarazadas, lactantes, maiores, enfermos crónicos e persoas con diversidade funcional.