Novas de Cooperación Galega
21/11/2018
Xeral

Xunta e Farmamundi colaboran na atención sanitaria da poboación dos campos de refuxiados de Siria

  • A previsión é atender a máis de 1.800 persoas, a quen se lles proporcionará mantas, cestas nutricionais e leite infantil
  • O Goberno galego colabora desde 2009 coa ONGD para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes naturais e humanas

 

A Xunta de Galicia, en colaboración coa ONGD Farmamundi, activou o convenio de colaboración asinado entre ambas entidades co obxectivo de executar unha intervención de emerxencia nos campos de refuxiados de Khan Eshieh e Sbeineh, en Siria.

A través deste dispositivo, esperase atender a máis de 1.800 persoas, entre as que se priorizará aos maiores, feridos, mulleres embarazadas e lactantes, nenos e nenas de 0 a 36 meses e menores non acompañados. Distribuiranse mantas, cestas nutricionais e leite infantil.

A actuación desenvolverase en colaboración con Farmamundi e o seu socio local Jafra Foundation for Relief and Youth Development, que traballa para mellorar as condicións de vida ante situacións catastróficas e nos campos de refuxiados de Siria.

Cómpre lembrar que, a punto de que se cumpran 8 anos de conflito, a crise de Siria segue a ser unha das maiores de crises de refuxiados, con 465.000 persoas falecidas, máis dun millón feridas e 12 millóns fuxidas forzosamente das súas casas. De feito, os campos de refuxiados nos que se vai actuar foron creados inicialmente para albergar a refuxiados de Palestina, pero desde o comezo do conflito téñense convertido nun punto de recepción de poboación desprazada interna.

 

Colaborando desde 2009

Esta actuación súmase a outras que Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende o ano 2009 no marco dos nove convenios de colaboración asinados para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.

O obxecto destes convenios é o de realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

O convenio de colaboración actívase cada vez que acontece unha emerxencia, previa negociación e solicitude por parte de Farmamundi. A activación destes convenios nos anos anteriores permitiu dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), e o sistema das Nacións Unidas, a diferentes emerxencias acaecidas, entre elas: os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e República Democrática do Congo, as emerxencias por causa das choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria.