Novas de Cooperación Galega
16/11/2020
Xeral

Xunta e Farmamundi colaboran na mellora da atención nutricional e sociosanitaria en Guatemala

  • As actuacións centraranse en comunidades rurais, as máis afectadas pola pobreza, e chegarán a máis de 800 persoas
  • O Goberno galego e a ONGD Farmamundi veñen colaborando en distintas actuacións para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano

 

A Xunta de Galicia, en colaboración coa ONGD Farmamundi, vén de activar o convenio de colaboración entre ambas entidades para actuar ante emerxencias humanitarias co obxectivo de levar a cabo unha intervención de mellora da atención nutricional e sociosanitaria en Guatemala.

A actuación levarase a cabo en 23 comunidades rurais, a través da coordinación con socios locais (Fundebase e Asecsa). Distribuiranse kits de alimentos, de hixiene e de protección fronte ao coronavirus entre máis de 800 persoas.

Guatemala rexistra uns índices de pobreza elevados, con máis do 59% da poboación por debaixo do limiar da pobreza e o 23,4% en situación de extrema pobreza, unhas porcentaxes que son especialmente elevadas nas zonas rurais e entre a poboación indíxena.

Ademais, o país ten unha alta prevalencia de desnutrición entre os menores de 5 anos o que, á súa vez, provoca que esta poboación teña unha particular vulnerabilidade ante enfermidades como a covid-19.

A maiores, a situación de pandemia global ten agravado a situación, ao provocar a perda de medios de vida e o incremento de prezos. A isto súmase agora o paso da tormenta tropical ETA que ten ocasionado vítimas mortais e a evacuación dun elevado número da poboación, así como importantes perdas materiais en infraestruturas e colleitas.

Colaboración desde 2009

Esta actuación súmase a outras que Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende o ano 2009 no marco dos convenios de colaboración para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.

O obxecto destes convenios é o de realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

O convenio de colaboración actívase cada vez que acontece unha emerxencia, previa negociación e solicitude por parte de Farmamundi. A activación destes convenios nos anos anteriores permitiu dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e o sistema das Nacións Unidas, a diferentes emerxencias acaecidas, entre elas: os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e República Democrática do Congo, as emerxencias por causa da choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria e a situación en Palestina.