Novas de Cooperación Galega
21/12/2020
Xeral

Xunta e Farmamundi colaboran na mellora da atención sanitaria no Iemen

  • As actuacións centraranse en brindar apoio aos centros de saúde para a prevención e tratamento da pandemia de Covid-19.
  • O Goberno galego e a ONGD Farmamundi veñen colaborando en distintas actuacións para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.

 

A Xunta de Galicia, en colaboración coa ONGD Farmamundi, vén de activar o convenio de colaboración entre ambas entidades para actuar ante emerxencias humanitarias co obxectivo de levar a cabo unha intervención de mellora da atención sanitaria no Iemen.

A intervención, que se realizará en colaboración cun socio local, brindará apoio aos centros de saúde da gobernación de Raimah para a prevención e tratamento da pandemia de Covid-19, a través da provisión de medicamentos e outros materiais funxibles.

Despois de 6 anos de guerra, o 80% dos 30 millóns de habitantes do país dependen da axuda humanitaria para sobrevivir. Millóns de persoas están gravemente desnutridas ou afectadas por enfermidades como o dengue, a malaria ou o cólera.

Esta situación fai que a poboación sexa especialmente vulnerable ao impacto da Covid-19. Segundo estimacións da ONU, a porcentaxe de enfermos que morren por esta pandemia no país podería superar o 30%, unha porcentaxe moi por riba de calquera lugar do planeta. De feito, segundo Nacións Unidas, a situación actual do Iemen é o peor desastre humanitario causado polo home, unhas circunstancias ás que agora se suma a pandemia de coronavirus.

Colaboración desde 2009

Esta actuación súmase a outras que Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende o ano 2009 no marco dos convenios de colaboración para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.

O obxecto destes convenios é o de realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

O convenio de colaboración actívase cada vez que acontece unha emerxencia, previa negociación e solicitude por parte de Farmamundi. A activación destes convenios nos anos anteriores permitiu dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e o sistema das Nacións Unidas, a diferentes emerxencias acaecidas, entre elas: os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e República Democrática do Congo, as emerxencias por causa da choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria e a situación en Palestina.