Novas de Cooperación Galega
13/01/2021
Xeral

A Xunta e Farmamundi colaboran na subministración de auga potable e servizos de saneamento en Honduras

  • As actuacións céntranse en atender as necesidades de auga e saneamento de 650 persoas afectadas polas tormentas Eta e Iota, ás que tamén se lle facilitan produtos básicos de limpeza e hixiene.
  • O Goberno galego e a ONGD Farmamundi veñen colaborando en distintas actuacións para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.

 

A Xunta de Galicia, en colaboración coa ONGD Farmamundi, activou nas pasadas semanas o convenio de colaboración entre ambas entidades ante emerxencias humanitarias para poñer en marcha unha intervención coa que atender as necesidades en auga e saneamento de comunidades afectadas polas consecuencias de furacáns e da pandemia da Covid-19 no norte de Honduras.

A intervención inclúe tamén a distribución de kits de limpeza e hixiene e actividades de promoción de medidas hixiénico-sanitarias. Lévase a cabo co socio local Sociedade Nacional da Cruz Vermella Hondureña co obxectivo de chegar a 650 persoas que forman parte de 130 familias das comunidades afectadas.

Deste xeito, a actuación permite brindar asistencia á poboación afectada pola tormenta tropical Eta e polo furacán Iota a través do subministro de auga potable para o consumo, servizos de saneamento e produtos básicos para a hixiene persoal.

Os dous desastres meteorolóxicos afectaron a case 4 millóns de habitantes do norte hondureño e causaron a perda de vivendas, o illamento de 180.000 persoas e máis dun cento faleceron debido á auga acumulada. Ambas tormentas agravaron a situación precaria que xa estaban a vivir milleiros de familias debido ao impacto da Covid-19 desde comezos de ano, ademais doutras crises sanitarias presentes na rexión como o dengue e o zika e a situación de pobreza na que se atopan case sete de cada dez fogares.

Colaboración desde 2009

Esta actuación súmase a outras que Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende o ano 2009 no marco dos convenios de colaboración para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.

O obxecto destes convenios é o de realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

O convenio de colaboración actívase cada vez que acontece unha emerxencia, previa negociación e solicitude por parte de Farmamundi. A activación destes convenios nos anos anteriores permitiu dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e o sistema das Nacións Unidas, a diferentes emerxencias acaecidas, entre elas: os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e República Democrática do Congo, as emerxencias por causa da choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria e a situación en Palestina.