A Xunta e Farmamundi colaboran nunha actuación de apoio nutricional de emerxencia á poboación siria desprazada
- A intervención levarase a cabo nas gobernacións de Rural Aleppo e Idleb e a previsión é atender unhas 1.125 persoas ás que se lles entregarán paquetes de alimentos
- O Goberno galego colabora desde 2009 coa ONGD para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes naturais e humanas
A Xunta de Galicia, en colaboración coa ONGD Farmamundi, activou o convenio de colaboración asinado entre ambas entidades co obxectivo de executar unha intervención de apoio nutricional de emerxencia nas gobernacións de Rural Aleppo e Idleb, dúas das áreas do noroeste de Siria que maior número de poboación desprazada recibiu nos últimos meses tras os ataques sufridos no nordés do país.
A actuación prevé a entrega de paquetes nutricionais a 225 unidades de convivencia e espérase que se beneficien un total de 1.125 persoas. A Xunta desenvolverá este convenio en colaboración con Farmamundi e o seu socio local Jafra Foundantion. A intervención enmárcase no Plan de Resposta Humanitaria para Siria que prioriza a atención nutricional ás persoas en situación de inseguridade alimentaria.
A situación de conflito en Siria provocou nos últimos anos novos desprazamentos forzosos da poboación e a prolongación desta situación para aquelas persoas que levan anos fuxindo. Miles de civís do nordés do país asentáronse en zonas máis ao norte como Rural Aleppo e Idleb, onde está prevista a actuación, en busca de seguridade e de servizos esenciais. Por iso, os novos desprazamentos debido aos ataques sufridos nos últimos meses e tamén o inicio do inverno que obriga a reforzar o acondicionamento nos asentamentos e campos de desprazados, provocou un deterioro da atención humanitaria que require dunha intervención de urxencia.
Colaboración desde 2009
Esta actuación súmase a outras que Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende o ano 2009 no marco dos dez convenios de colaboración asinados para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.
O obxecto destes convenios é o de realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).
O convenio de colaboración actívase cada vez que acontece unha emerxencia, previa negociación e solicitude por parte de Farmamundi. A activación destes convenios nos anos anteriores permitiu dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e o sistema das Nacións Unidas a diferentes emerxencias acaecidas, entre elas: os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e República Democrática do Congo, as emerxencias por causa da choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria e a situación en Palestina.