Novas de Cooperación Galega
19/03/2018
Xeral

Xunta e Farmamundi colaboran para prestar atención sanitaria de emerxencia á poboación congolesa refuxiada en Uganda

  • Estímase que esta intervención chegará a un mínimo de 9.000 persoas, das que máis da metade serán menores de idade
  • A Xunta colabora dende 2009 coa ONGD para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes naturais e humanas

 

A Xunta e a ONGD Farmamundi colaboran para prestar atención sanitaria de emerxencia á poboación congolesa localizada no campo de refuxiados de Kyaka II, en Uganda.

Estímase que con esta intervención, que se prolongará uns 3 meses, atenderase a un mínimo de 9.000 persoas, das que o 53% son menores de idade e o 32% mulleres. Na súa selección, priorizaranse as unidades de convivencia en maior situación de vulnerabilidade, con maiores restricións de acceso aos medios de vida, maior presenza de menores e mulleres embarazadas e maior risco de padecer algún tipo de enfermidade.

Esta actuación súmase a outras que a Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende o ano 2009 no marco dun convenio de colaboración para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.

A activación destes convenios nos anos anteriores permitiu dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e o sistema das Nacións Unidas a diferentes emerxencias acaecidas, entre elas os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e República Democrática do Congo, as emerxencias por causa da choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria.