Novas de Cooperación Galega
20/11/2017
Xeral

Xunta e Farmamundi colaboran para reducir a mortalidade por causa da malaria en Nicaragua

  • A Xunta colabora desde 2009 coa ONGD para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes naturais e humanas
  • Con esta intervención serán atendidas 2.600 familias e ademais desenvolverase unha campaña de prevención e educación

 

A Xunta, en colaboración coa ONGD Farmamundi, participa nunha intervención de emerxencia socio-sanitaria para mellorar as condicións de saúde e reducir a mortalidade por malaria nos concellos de Rosita e Prinzapolca, en Nicaragua.

Con esta acción serán atendidas preto de 2.600 familias, e ademais desenvolverase unha campaña de prevención e educación nos dous municipios, cun investimento duns 13.000 euros. A malaria, ou paludismo, é unha enfermidade febril aguda, potencialmente mortal, causada por parásitos que se transmiten ao ser humano pola picadura de mosquitos femia Anopheles infectados. Nos últimos anos Nicaragua presentou un incremento de casos de malaria.

A situación socio-sanitaria marcada polo incremento dos casos de malaria no país vese empeorada pola emerxencia sanitaria causada pola tormenta tropical Nate, que ten provocado chuvias e inundacións que agravan a emerxencia, tanto pola merma en recursos sanitarios institucionais, como polo incremento de focos de produción de mosquitos transmisores de malaria e dengue.

Esta actuación súmase a outras que Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende o ano 2009 no marco dun convenio de colaboración para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.

A activación destes convenios nos anos anteriores permitiu dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), o sistema das Nacións Unidas e gobernos locais a diferentes emerxencias acaecidas, entre elas os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e República Democrática do Congo, as emerxencias por causa das choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria.