Novas de Cooperación Galega
05/02/2018
Xeral

A Xunta e Farmamundi renovan a súa colaboración para atender actuacións de emerxencia humanitaria

  • A Administración autonómica ten destinado preto de 500.000 euros a este fin desde 2009

 

A Xunta e Farmamundi veñen de renovar un ano máis o convenio de colaboración que ten como obxectivo atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes naturais ou humanas e por crises de longa duración.

O obxectivo é prestar especial atención aos colectivos máis vulnerables mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia como auga, abrigo, medicamentos ou atención sanitaria. Por exemplo, nos últimos anos, esta colaboración permitiu dar resposta inmediata - e coordinada coa Axencia Española de Cooperación para o Desenvolvemento (AECID) - a diferentes emerxencias acaecidas, como a intervención nutricional no Sahel ou as accións humanitarias en Haití e República Dominicana tras o paso do furacán Sandy e en Dadaab (Kenia) para combatir a epidemia de polio. Tamén se actuou na República Democrática do Congo, Siria, Sudán do Sur, Malí, Filipinas ou Nepal.

Estes convenios tamén permitiron dotar materialmente un fondo de emerxencias no centro loxístico que Farmamundi ten en Valencia, para ter a disposición de maneira permanente material para poder dar resposta ás emerxencias que poidan acaecer.

Este convenio vén asinándose de forma ininterrompida desde o ano 2009 e a achega da Xunta durante estes anos xa suma preto de 500.000 euros. A contía do convenio para este ano ascende a 50.000 euros.

Cómpre recordar que o III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017 identifica a acción humanitaria como unha prioridade sectorial dentro da cooperación, ben de forma directa ou a través dos diferentes actores de cooperación.