A XUNTA E O INSTITUTO DE ACUICULTURA DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA COLABORARÁN NUN PROXECTO DE COOPERACIÓN PESQUEIRA EN COLOMBIA BASEADO NA TRANSFERENCIA DE TECNOLOXÍA PARA O CULTIVO DO MERO GUASA
A Xunta de Galicia e o Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago de Compostela colaborarán nun proxecto de cooperación pesqueira que ten como obxectivo transferir a tecnoloxía necesaria para o cultivo do mero guasa e de varios moluscos. Mediante este proxecto preténdese que a pesca se converta nunha actividade que permita mellorar a calidade de vida de moitas comunidades de pequenos pescadores da zona do Parque Natural Corales del Rosario e San Bernardo, en Colombia
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, participou o xoves en Cartagena de Indias na presentación deste proxecto, acto no que estivo presente o ministro de Medio Ambiente de Colombia, Juan Lozano, a dona do presidente da República, Lina de Uribe, e unha ampla representación do sector pesqueiro colombiano.
Na realización do dito programa participa a Fundación Mario Santo Domingo que aglutina ás universidades colombianas de La Magdalena, Córdoba e Jorge Tadeo Lozano, ademais do Instituto Colombiano de Desarrollo Rural (INCODER) e os Parques Nacionais Naturais de Colombia.
A directora xeral de Cooperación Exterior referiuse na súa intervención á necesidade de compartir a tecnoloxía cos países en vías de desenvolvemento como un xeito de “estreitar lazos” e “aumentar a colaboración entre países” . Sotelo aludiu á necesidade de que os avances tecnolóxicos non sirvan para afondar na fenda existente entre Norte e Sur, senón que se convertan en motor de desenvolvemento.
Punteiros en proxectos de cooperación pesqueiraA directora xeral destacou que Galicia é, en colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI), “punteira” en programas de cooperación e transferencia de tecnoloxía pesqueira. As accións da cooperación galega neste ámbito, segundo remarcou a directora, están centradas na formación dos pequenos pescadores para que a pesca artesanal se converta nun “elemento que incida no aumento da calidade de vida das súas comunidades”.
Satisfacer as necesidades reais en cada zona e adaptarse ás esixencias concretas, son as bases para acadar resultados máis visibles e duradeiros, salientou Sotelo. Ademais, remarcou que en ningún caso se trata de “impoñer ou importar ningún modelo”, senón que “se debe ter moi en conta as diferentes realidades nas que se vai a traballar”.
Sotelo fixo referencia tamén á importancia da utilización racional dos recursos, de forma que a conservación das especies sexa “unha garantía de futuro para as próximas xeracións”. “Se non se logra o obxectivo de racionalizar as capturas e non esquilmar os recursos, de nada terá servido o esforzo que entre todos estamos realizando “, afirmou a directora xeral.
Catro compoñentesO proxecto que se vén de presentar está estruturado en catro compoñentes paralelos, que teñen como obxectivo determinar a viabilidade técnica e biolóxica do cultivo do mero guasa e de varios moluscos no entorno do Parque Nacional Corales del Rosario e San Bernardo, en Colombia. A finalidade deste programa é que, a través do desenvolvemento pesqueiro destas zonas, se poida mellorar a calidade de vida das comunidades de pescadores artesanais.Preténdese incidir tamén no control das condicións hixiénico - sanitarias dos produtos pesqueiros, de xeito que conten con todas as garantías á hora da súa comercialización e consumo.
O primeiro compoñente, o oceanográfico, estudará os corpos de auga nos seus compoñentes químicos, físicos e biolóxicos, para certificar a calidade dos mesmos na implantación destes cultivos experimentais. O segundo compoñente, busca verificar a frecuencia dos desoves naturais do mero guasa, ao mesmo tempo que abordará dun xeito experimental un cultivo piloto desta especie para determinar o seu crecemento na zona.
A experimentación co cultivo de pectínidos e o asentamento natural de larva de ostras en colectores artificiais, é o obxectivo do terceiro compoñente, que busca a viabilidade do cultivo de moluscos.
Finalmente a educación ambiental constitúe a base dun proceso transversal que busca sensibilizar aos pescadores en boas prácticas, ademais de informalos sobre os avances do proxecto.