A XUNTA E O SEMINARIO GALEGO DE EDUCACIÓN PARA A PAZ COLABORAN NA ALFABETIZACIÓN DE MOZAS INDÍXENAS EN BOLIVIA
A Xunta de Galicia e o Seminario Galego de Educación para a Paz están a colaborar na alfabetización de mozas indíxenas da provincia boliviana de Yamparáez. A través desta actuación conxunta se levou a cabo a ampliación da Residencia Educativa de mozas en Yamparáez e se está a proceder a súa dotación de equipos e materiais didácticos para permitir unha mellora educativa da poboación feminina desta zona.
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, visitou estes días as instalacións deste centro educativo, no marco dunha visita que está a facer a Bolivia para coñecer os proxectos que contan coa colaboración da Administración autonómica galega.
Con esta actuación, trátase de reducir as alarmantes cifras de analfabetismo na zona, posto que Yamparáez presenta un grave problema de acceso á educación primaria e secundaria. Só o 2% dos alumnos desa zona ingresa na escola secundaria. Isto se traduce en altos índices de analfabetismo da poboación, sobre todo na feminina que acada porcentaxes de ata o 63% en nenas e mozas.
A ampliación e dotación deste centro educativo pretende reverter esta tendencia e prestar apoio ás mozas indíxenas e campesiñas máis necesitadas, ofrecéndolles a oportunidade de formación e desenvolvemento humano e social. Na primeira fase da actuación facilitouse a inscrición a 30 rapazas máis, acadando unha cifra de 63 alumnas en réxime de acollida e 150 alumnos e alumnas que acoden diariamente ao comedor. O Goberno galego, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, achegou dende o ano 2004 preto de 60.000 euros
Discriminación educativa A poboación feminina das diferentes comunidades indíxenas desta área boliviana vese sometida a unha discriminación educativa. Os escasos recursos económicos das familias, a escaseza de escolas na poboación e as grandes distancias que teñen que percorrer para asistir a clase fan que o problema do analfabetismo feminino se agudice provocando que as rapazas, dende idades moi tempranas, estean abocadas a cumprir coas tarefas da casa e do campo sen posibilidade algunha de continuar cos seus estudos ou de aprender algún oficio.
Na súa estadía no centro, ademais de recibir escolarización as mozas poderán perfeccionarse nalgún campo laboral que lles axude posteriormente a acadar unha mellor situación laboral e económica.
YamparáezÉ unha provincia situada ao noroeste do departamento de Chuquisaca, a 25 quilómetros da cidade de Sucre, que ten unha poboación de 454.000 habitantes, na súa maior parte comunidades rurais e indíxenas. O 77% das familias viven en condicións de extrema pobreza que lles impide acadar os servizos básicos de vivenda e educación. A taxa de analfabetismo é do 41,20% para os homes e do 63,30% para as mulleres.