Novas de Cooperación Galega
27/06/2007
Xeral

A XUNTA E A ORGANIZACIÓN DE ESTADOS IBEROAMERICANOS COLABORARÁN NUN INSTITUTO PARA O DESENVOLVEMENTO E A INNOVACIÓN EDUCATIVA NA REPÚBLICA DE ARXENTINA

O Consello da Xunta deu, na súa reunión desta mañá, o visto e a prace ao convenio de colaboración firmado entre a Dirección Xeral de Cooperación Exterior e a Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI), co fin de pór en marcha o Instituto para o Desenvolvemento e a Innovación Educativa (IDIE). O Goberno galego destinará 200.000 euros a este programa de cooperación educativa no que tamén participarán o Ministerio de Educación do goberno arxentino e a Consellería de Educación da Xunta de Galicia que aportará técnicos especialistas en materia educativa.

O IDIE nace coa idea de promover a modernización do modelo de cooperación vixente en Iberoamérica, debido a súa capacidade de creación de coñecemento compartido, de desenvolvemento de competencias técnicas e de recopilación de experiencias, tanto nacionais como internacionais. Ademais, posúe importantes posibilidades de intervención técnica ante as autoridades arxentinas, convertíndose nun referente de cooperación do país e de comunicación con outras instancias internacionais, pola súa gran capacidade de proxección, recoñecemento e visibilidade externa.

Principais obxectivosAtendendo ás necesidades específicas de Arxentina, os catro eixes temáticos de actividade do IDIE son: a apoio á educación infantil, aos dereitos da infancia, á educación en valores e para a cidadanía; a alfabetización, e a formación e desenvolvemento profesional do profesorado.

Os mecanismos de traballo fundamentais estarán centrados na xestión do coñecemento, incluíndo a divulgación de información e boas prácticas, para incrementar a sensibilización social, política e técnica arredor da problemática educativa; a asistencia técnica a instancias gubernamentais e non gubernamentais para dinamizar o compromiso de mobilización que conleve a execución de iniciativas prácticas  para a mellora da calidade do sistema educativo. O deseño  dunha oferta formativa destinada a funcionarios, expertos e docentes, é outro dos eixes do proxecto.

OEIA Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI) é a entidade responsable da convocatoria e desenvolvemento das Conferencias Iberoamericanas de Educación, polo que conta co respaldo político e técnico en materia de educación na rexión de Iberoamérica, sendo unha entidade de referencia para o encargo de Programas Educativos por parte do Cumio de Presidentes e Xefes de Estado e de Goberno. Actualmente a OEI é co-responsable do deseño e xestión do Plan Iberoamericano de Alfabetización.