Novas de Cooperación Galega
02/07/2019
Xeral

Xunta e Unicef colaboran nun proxecto para potenciar a inclusión social de nenos e adolescentes na Habana

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou onte un convenio de colaboración coa presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito, para levar a cabo un proxecto de inclusión social e económica de nenos e adolescentes na Habana Vella (Cuba).

O acordo ten como obxectivo fortalecer os contornos protectores dos nenos e adolescentes, desenvolver as súas potencialidades e formar a profesionais e outros actores sociais cun enfoque de dereitos e equidade.

Máis en concreto, no marco deste convenio, realizaranse obradoiros, itinerarios e accións de intercambio con adultos profesionais e actores sociais enfocados á inclusión de adolescentes con discapacidade, á educación para a sexualidade, á protección integral dos adolescentes, á difusión dos seus dereitos, a accións de saúde integral, á prevención das diferenzas baseadas no xénero, ou ao uso das TICS e protección en escenarios dixitais.

Tamén se levarán a cabo outras actuacións en materia de produtos comunicativos, obradoiros creativos ou presentacións públicas para mellorar a visibilización destes nenos e adolescentes e fomentar unha cultura de dereitos e corresponsabilidade.

Este convenio inscríbese no marco estable de colaboración que a Xunta e UNICEF veñen mantendo durante os últimos anos. Entre 2012 e este ano, a Xunta ten investido uns 680.000 euros en levar a cabo accións con UNICEF para axudar á infancia e adolescencia de países como Cuba, Haití, Etiopía, Ecuador, Xordania, Camerún, Nepal, Bolivia, Malí, Níxer ou Guinea Bissau.