Novas de Cooperación Galega
12/04/2022
Xeral

A Xunta envía unha primeira doazón de medicamentos aos campos de refuxiados de guerra de Ucraína por valor de 40.000 euros

  • O Executivo galego prepara outro envío para despois de Semana Santa.

 

Dada a situación de emerxencia e necesidade de medicamentos pola guerra en Ucraína, están a solicitarse doazóns de medicamentos aos países europeos para os campos de refuxiados (República Checa, Polonia, Moldavia…). A Xunta de Galicia vén de enviar unha primeira doazón de medicamentos aos campos de refuxiados da guerra de Ucraína, en Polonia, por valor de 40.000 euros, e prepara outro envío para despois de Semana Santa.

O procedemento consiste en que o país solicitante (Ucraína, Moldavia…) envía aos estados da Unión Europea a información de cales son as súas necesidades de medicamentos ou produtos sanitarios a través de CECIS (sistema Común de Comunicación e Información de Emerxencia Europeo); esta trasládase a través da Axencia Española do Medicamento ás comunidades autónomas, as cales poden facer unha proposta de doazón, que finalmente debe ser aceptada polo país destinatario da doazón.

Neste contexto, desde a Comunidade Autónoma de Galicia, por medio da Subdirección xeral de Farmacia do Servizo Galego de Saúde, realizouse unha proposta de doazón de medicamentos por valor de 60.000 euros (antibióticos, antifúnxicos, diuréticos, inhibidores da bomba de protóns, etc, todos eles de administración intravenosa), que foi aceptada por Polonia.

No prazo dunha semana, e tras xestionarse unha compra centralizada desde o servizo de farmacia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, estes medicamentos chegarán ao seu destino, un primeiro envío a semana do día 11 e un segundo, despois de Semana Santa, dado que polo seu gran volume, non se puido enviar todo xunto.

Esta situación de necesidade de axuda é previsible que se manteña no tempo, polo que se poderán seguir planificando doazóns desde Galicia, mentres dure a situación de crise en Ucraína.