A Xunta expón o modelo de xestión da auga en Galicia aos responsables da administración dos recursos hídricos no sur de Mozambique

- O Goberno galego amosaralle estes días á delegación mozambiqueña as claves da xestión pública da auga en Galicia, visitando varias infraestruturas hidráulicas e traballando co persoal técnico de Augas de Galicia en actuacións teóricas e prácticas
- O proxecto AquaMoz, co que coopera a Xunta, afonda no monitoreo da seca nas principais concas do país africano, na mellora da xestión da seca e na sensibilización
- Desde o ano 2012 Augas de Galicia e a Universidade da Coruña desenvolven accións de cooperación coa Administración da auga de Mozambique para facer fronte á seca que padeceu o sur do país desde o ano 2016
- Esta colaboración reforza o compromiso da Xunta coa consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030 relacionados coa auga e sitúa a Augas de Galicia como un importante axente de cooperación, con proxección internacional
A Xunta expuxo o modelo de xestión da auga en Galicia aos responsables da administración dos recursos hídricos no sur de Mozambique.
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, reuníronse cunha delegación de Mozambique interesada en coñecer o sistema de xestión da auga da Xunta no marco do proxecto de cooperación AquaMoz.
No marco desta colaboración, a xefa do departamento de Recursos Hídricos e membro do consello de dirección da Administración Rexional da Auga do Sur de Mozambique (ARA Sul), Lizete Dias, e o enxeñeiro especialista en hidroloxía Ernesto Tivane, coñecerán estes días de primeira man as principais claves da xestión pública da auga en Galicia.
A citada delegación sudafricana visitará varias infraestruturas e traballará con persoal técnico de Augas de Galicia en cuestións diversas de carácter teórico e práctico ao longo dos próximos días.
As accións do proxecto AquaMoz, co que coopera a Xunta, céntranse en 3 liñas de traballo: o monitoreo da seca nas principais concas do país africano, a mellora dos procedementos de xestión da seca e o desenvolvemento de accións de sensibilización, nun contexto de cambio climático global no que Mozambique é un dos países máis vulnerables.
Estes traballos inclúen, ademais do acompañamento institucional e técnico ás administracións da auga, a realización de estudos técnicos, formacións na universidade local, publicacións científicas e campañas de sensibilización.
Proxecto de cooperación AquaMoz
Esta iniciativa enmárcase na cooperación que a Xunta, a través de Augas de Galicia, vén realizando desde o ano 2012 co Goberno mozambiqueño, co obxectivo de fortalecer a xestión dos recursos hídricos que realizan as Administracións Rexionais das Augas de Mozambique.
Augas de Galicia lidera este proxecto de cooperación, xunto con Cooperación Galega e ONGD Enxeñería Sen Fronteiras Galicia e o apoio do Grupo de Enxeñería da Auga e Medio Ambiente da Universidade da Coruña.
Os paralelismos existentes entre ambas as dúas entidades están a facilitar o intercambio de experiencias e de coñecementos a prol da mellora da xestión hídrica no país africano.
Desde o ano 2012, esta colaboración está a permitir levar a cabo accións de cooperación coa administración da auga de Mozambique para facer fronte á seca que padeceu o sur do país desde o ano 2016, a máis severa en 25 anos.
Neste sentido, nun traballo conxunto con Augas de Galicia, ata a data foron realizados estudos de caracterización da seca na dita conca e traballouse co deseño dun Boletín Mensual de seca.
Estas accións de colaboración reforzan o compromiso da Xunta coa consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030 relacionados coa auga, o clima e o desenvolvemento de institucións sólidas e sitúan a Augas de Galicia como un importante axente de cooperación, cunha maior proxección internacional.
A xuntanza de traballo entre a Xunta e a delegación de Mozambique coincidiu coa celebración, este luns, do Día Mundial do Medio Ambiente.