Novas de Cooperación Galega
20/06/2007
Xeral

A XUNTA FINANCIARÁ CON 842.000 EUROS A FORMACIÓN DE PESCADORES ARTESANAIS A TRAVÉS DO PLAN DE APOIO Á PESCA ARTESANAL EN CENTROAMÉRICA

A Xunta executará a través do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) un programa de formación profesional de pescadores artesanais en Centroamérica, tal e como aprobou o Consello da Xunta na súa reunión desta mañá. Este proxecto enmárcase nunha actuación de máis longo alcance, o Programa rexional de pesca en Centroamérica, elaborado conxuntamente pola Axencia Española de Cooperación Internacional e a Dirección Xeral de Cooperación Exterior, que pretende dar resposta ás necesidades dos parceiros para reverter a situación de carencias formativas detectadas en toda a cadea pesqueira.

Con este fin, o Goberno galego destinará ata 2009, 842.000 euros a programas que teñen como obxectivo capacitar os pescadores centroamericanos para facer da pesca artesanal o motor de desenvolvemento das súas comunidades. En concreto, en 2007, o orzamento destinado ascenderá aos 316,500 euros, mentres que nos anos 2008 e 2009 o Goberno galego destinará a este programa 361.500 euros e 164.000 euros, respectivamente. O proxecto levarase a cabo en colaboración cos gobernos locais e a Organización Pesqueira e Acuícola do Istmo Centroamericano (OSPESCA), integrada polos ministros, viceministros e directores de pesca e acuicultura da rexión.

Tres niveis de actuaciónEste programa de formación consta de tres niveis, en función do grupo ao que vaia dirixido. Un dos niveis está destinado ao persoal técnico responsable das administracións con competencias na ordenación e regulación do sector pesqueiro. O segundo está orientado a incrementar os coñecementos e capacidades dos formadores pertencentes aos sete países onde se desenvolve o proxecto, de xeito que os formadores adquiran os coñecementos suficientes para poder transmitilos aos pescadores e ao conxunto do sector produtivo artesanal.As comunidades pesqueiras artesanais constitúen o terceiro dos sectores aos que vai destinado este plan. En concreto, o obxectivo é incrementar as capacidades e coñecementos dos integrantes do sector pesqueiro artesanal (extractores, recolectores, procesadores, comercializadores...). Esta formación contribuirá a lograr a profesionalización e o recoñecemento social da actividade pesqueira, de modo que as persoas que exerzan esta profesión vexan valorado o seu traballo.

Pesca artesanalA pesca e a acuicultura son para unha parte importante da poboación centroamericana a fonte de subsistencia e o medio a partir do cal acceder a mellores condicións materiais e de vida, xa que o sector facilita oportunidades de xeración de emprego e beneficio para as empresas que se involucran nesta actividade. América Central conta con 6.526 quilómetros de litoral e, a excepción do Salvador e Belice, todos os países teñen costa no océano Atlántico e no Pacífico, polo que teñen na pesca un importante recurso. A rexión centroamericana tamén conta con gran cantidade de lagos, lagoas e ríos nos cales existe unha significativa actividade pesqueira que contribúe á oferta de alimento na rexión.